
Carballo acolle este sábado 21 de xuño o II Torneo escolar de xadrez, unha competición impulsada polo club O Toque Xiria, coa colaboración da Concellaría de Deportes, que reunirá no noso concello ás promesas do xadrez galego, xa que participarán nenos e nenas das categorías sub 8, sub 10, sub 12 e sub 14. O prazo de inscrición aínda non está pechado, pero está prevista a presenza de uns setenta deportistas das catro provincias galegas.
Óscar de Prado e Jorge Varela Queijo, en representación do club organizador, presentaron o torneo acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, que destacou o impulso que está collendo o xadrez no noso concello e aludiu á importancia de fortalecer tanto o corpo coma o cerebro.
Óscar de Prado destacou que o torneo forma parte do circuíto galego de promoción. “É un torneo especial, porque neste tipo de circuítos a federación galega tamén promove un formato de festival, pensando en fomentar non só o xadrez senón tamén a parte lúdica”, explicou.
O alcalde, pola súa banda, puxo en valor o traballo do club carballés e expresou o seu convencemento de que esta segunda edición do torneo escolar “será un novo éxito para o club O Toque Xiria”.
Os datos
Data: sábado 21 de xuño de 2025
Lugar: pavillón Carballo Calero
Categorías: de sub 8 a sub 14. Todos os xogadores deben estar federados
Sistema de xogo: suízo a 7 roldas
Ritmo de xogo: 10 minutos + 5 segundos de incremento
Horario: de 11:15 a 19:00 horas.
Inscricións e información: xadrezcarballo@gmail.com ou no teléfono 617234393
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.