
Participarán 18 mozos laracheses de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos.
A Casa da Cultura acolleu a reunión que mantivo unha ampla representación do Goberno local -encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela- cos mozos laracheses de entre 18 e 35 anos de idade que participarán durante este verán nos programas de intercambio xuvenil en Venecia (Italia) e Tiflis (Xeorxia) que organiza o Concello.
Na xuntanza ofreceuse información sobre os plans de viaxe, os horarios, o contido da programación a realizar, datos sobre os puntos de destino e a documentación e material que se recomenda levar. Tamén se aproveitou a reunión para aclarar todas as dúbidas ao respecto dos participantes.
No caso de Venecia será a cuarta experiencia destas características da que formará parte o Concello da Laracha grazas á colaboración coa Escuola Polo Tecnico Professionale I.I.S. Venier da localidade italiana, onde serán aloxados os participantes. A viaxe realizarase do 24 de xuño ao 1 de xullo. Viaxarán dez mozos e dous acompañantes.
Na viaxe a Xeorxia a saída será o 8 de xullo e o regreso unha semana despois, o día 15. Farase en colaboración co Centro de Lengua y Cultura Española “Carmen”. A estancia dos oito mozos participantes e dos dous acompañantes será nun hotel de Tiflis, a capital do país.
En ambos casos os programas prevén a realización de actividades relacionadas co deporte, a saúde, as políticas de xuventude, o medio ambiente, a igualdade, o espírito emprendedor, a creatividade e a arte, o turismo activo, a cultura e a aprendizaxe de idiomas.
En virtude do acordo entre o Concello da Laracha e as dúas entidades colaboradoras, en próximas datas viaxarán a Galicia mozos procedentes tanto de Venecia como de Tiflis na segunda parte deste programa de intercambio xuvenil.
Este tipo de iniciativas son resultado das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co financiamento da Unión Europea.
Así, o Concello contribúe á construción da cidadanía europea, animando á mocidade a aproveitar esta excelente oportunidade para coñecer outros países, idiomas e culturas, ao mesmo tempo que potencia a mobilidade xuvenil, tende pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxecta A Laracha cara o exterior.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.