Saturday 21 de June de 2025

O Concello retoma as obras para reformar a terceira fase do Camiño Real no Conchido


O Concello concluirá, proximamente, a terceira fase do proxecto de reforma do Camiño Real, no Conchido. Así o confirmaron o alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo, durante a súa recente visita ao lugar para comprobar o avance dos traballos. Tal e como o rexedor e a edil explicaron, este proxecto suporá a execución dunha rede separativa de recollida de augas pluviais e saneamento, mellorando os servizos para a veciñanza e resolvendo, ademais, unha problemática ambiental que se viña producindo na zona.

O proxecto arrincara en decembro do ano pasado, cando a adxudicataria acometeu unha parte das obras. Porén, por razóns alleas ao Concello, a compañía incumpriu o prazo de execución, quedando estas intervencións sen rematar nos prazos previstos. Para garantir que estes traballos se concluísen, o goberno local recorreu a un contrato menor que foi adxudicado por 36.977,60 euros. En total, o Concello destinou un investimento próximo aos 100.000 euros.

Con estas obras búscase cumprir un dobre obxectivo: por unha banda, continuar mellorando as infraestruturas e servizos básicos da veciñanza e, pola outra, resolver un problema de tipo medioambiental que afectaba ao Conchido. Ata o de agora, este treito do Camiño Real contaba cunha única canalización que recollía tanto as augas de saneamento como as pluviais. Debido ao desnivel da estrada, con pendente en dirección contraria á EDAR da Pobra, no se momento optouse por conectar a canalización ao pozo de bombeo do concello de Boiro. Con todo, o elevado volume de recollida colapsaba esta estrutura e impedía o seu correcto funcionamento. Outro dos problemas debíase aos puntos de perforación que presentaba a canalización de saneamento e que podía provocar verteduras directas ao mar nos momentos de maior caudal.

O proxecto do Concello suporá a creación dunha rede separativa de recollida de augas pluviais e de saneamento cos seus respectivos pozos de rexistro e sumidoiros. No caso das augas pluviais, estas dirixiranse ata o leito que discorre entre A Pobra e Boiro. Para a de saneamento disporase de diversos bombeos que permitan a recollida e a condución da totalidade dos vertidos cara a EDAR da Pobra. O proxecto incluíu a substitución dos condutos de abastecemento da auga, que eran de fibrocemento, por outros con outros tipos de materiais e a reposición completa do firme de aglomerado asfáltico.

Deja un comentario