Saturday 21 de June de 2025

O Concello de Ribeira e o Consello da Cultura Galega asinan un protocolo de colaboración conxunta


No día de hoxe o Concello de Ribeira asinou un protocolo de colaboración cunha das máximas institucións culturais galegas, o Consello da Cultura (CCG), co obxectivo de promover cultura de maneira conxunta.

O acto de sinatura protocolario foi realizado polo alcalde de Ribeira, Luís Pérez e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, que estiveron arroupados polo tenente de alcalde, Vicente Mariño, e por Marcelino Fernández, xerente do Consello da Cultura.

O Consello da Cultura Galega é unha institución creada no ano 1983 conforme o artigo 32 do Estatuto de autonomía que ten como obxectivo a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

O rexedor agradeceu a boa disposición da presidenta, Rosario Álvarez, para que ”Ribeira poda acoller actividades culturais de primeiro nivel“. Luís Pérez destacou que o Goberno local quere potenciar a lingua galega, a cultura, e tamén “facilitar xornadas formativas dirixidas a toda a veciñanza; independentemente da súa idade ou da súa formación académica”. Barral puxo en valor a oportunidade desta colaboración que redundará en máis actividades “que relancen esa cultura propia do noso país”; e polo tanto, a sinatura deste protocolo “reforzará toda a programación cultural e formativa que fai o Concello de Ribeira”. Por último falou do importante que é crear alianzas que permitan sumar sinerxías positivas “para que Ribeira poda despuntar no eido cultural e formativo”.

Pola súa banda, Rosario Álvarez, salientou que a cultura non só é cultura humanística senón que tamén cultura científica, cultura tecnolóxica, “polo tanto son moitos os paus que nós tocamos”. Álvarez apelou a que “a cultura é un dereito para todas as persoas, sen ningún tipo de factor de exclusión”, e que a institución que representa “está obrigada a transmitir unha cultura que ten que estar en tódolos lugares do territorio e en todo tipo de hábitats”.

Primeiras liñas de actuación; memoria e patrimonio marítimo

A presidenta falou da cultura mariñeira, do patrimonio material e inmaterial de toda a costa que é probablemente “un dos patrimonios máis en risco de toda Galicia”; falou do estado do patrimonio que está construído na costa, os antigos peiraos, as fábricas de salga, as primeiras fábricas conserveiras e preguntouse: onde está o patrimonio industrial construído por Galicia dende o século XVIII?; onde están os carpinteiros de Ribeira e os seus obradoiros?; e afirmou que “queremos poñer o acento sobre ese patrimonio”.

Tamén considerou que Ribeira e un sitio idóneo para poder convertelo nunha especie de capital da recuperación da cultura marítima de todo o patrimonio material e inmaterial de Galicia, “e de feito nós queremos comezar esta colaboración cunha xornada de cultura marítima o vindeiro 3 de xullo, dedicado aos oficios do mar poñendo o foco nos carpinteiros de ribeira e nas redeiras e redeiros”.

A colaboración mutua terá unha programación conxunta de actividades culturais e faranse actividades de formación nas áreas de historia, lingua, literatura, ciencias sociais, etc. tamén haberá espazo para cursos, publicacións, conferencias, concertos e coloquios de interese mutuo, intercambio de publicacións, traballos de investigación, intercambio e colaboración de todo tipo de proxectos culturais de interese común, elaboración, edición e distribución de materiais didácticos, de divulgación, formativos e recuperación de fondos documentais.

Como remate, o alcalde convidou á presidenta a asinar no libro de ouro do Concello de Ribeira e agasallou dous libros; un da historia de Ribeira e outro sobre o fillo predilecto Manuel Ayaso.

Deja un comentario