
A alcaldesa, Inés Rey, asinou hoxe a cesión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue
A alcaldesa, Inés Rey, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinaron este xoves o acordo mediante o cal o Concello cede solo á Xunta de Galicia para facilitar a construción de case un cento de vivendas protexidas na cidade.
A previsión é que 58 destas vivendas se constrúan nos Rosales; outras 30 no lugar de Pedro Fernández (A Pasaxe); e unhas 11 na contorna da praza da Porticada. Todas elas, en catro parcelas de titularidade municipal que se cederán ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) co obxectivo de incrementar o parque residencial público na Coruña “e, desta forma, dar resposta a unha das principais necesidades das e dos coruñeses: o acceso a unha vivenda digna e asequible”, precisou Rey.
O acto de sinatura do acordo tivo lugar esta mañá no barrio dos Rosales, entre as rúas Simón Bolívar e Emilio González López, a carón dun dos soares facilitados polo Concello á Administración autonómica. Como lembrou a alcaldesa, esta medida forma parte das accións impulsadas polo Goberno municipal en materia de vivenda, mobilizando dúas terceiras partes do solo residencial de titularidade municipal coa finalidade de propiciar a creación máis vivenda pública na cidade no curto prazo.
A día de hoxe, na Coruña hai tantas vivendas públicas en construcción ou en proxecto como as vivendas sociais existentes actualmente no Concello. En concreto, na cidade hai actualmente 426 vivendas en proxecto ou construción, “un impulso sen precedentes que nunca se dera na historia da cidade”, indicou Rey, quen lembrou que fronte ao impulso actual, nos últimos 15 anos só se construíron 40. É dicir, que cos traballos que xa están en marcha se duplicarán as vivendas públicas existentes no curto e medio prazo.
“Desde o Concello tendemos a man a todas as Administracións públicas —neste caso á Xunta— para colaborar institucionalmente e garantir que o acceso á vivienda sexa un dereito. Neste eido coido que non deben caber posicionamentos partidarios e por iso, espero e confío en que así será, que contaremos coa cooperación da Xunta de Galicia para a aplicación das medidas derivadas da declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado”, apuntou Inés Rey este xoves.
A rexedora lembrou que o Concello da Coruña vén desenvolvendo un amplo abano de accións para dar resposta ás urxencias que hai na cidade en materia de vivenda. Entre elas, o Plan municipal de recuperación de ruínas, a regulación das vivendas de uso turístico (VUT) baixo un novo marco normativo, a promoción de vivenda pública e a colaboración con outras administracións mediante a cesión de solo propio, como neste caso. Rey recordou que a declaración de zona tensionada tamén é unha aposta por facilitar o acceso á vivenda, e pediu á Xunta que se implique para a implantación desa medida.
“Garantir o acceso á vivienda da cidadanía é a nosa principal preocupación. E seguiremos traballando nesta liña para aportar solucións ante a realidade actual”, remarcou Rey.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.