
— Describe o proxecto como “un antes e un despois” para a actividade industrial de Galicia
— Reafirma o compromiso da Xunta co desenvolvemento industrial, que inclúe a posta a disposición de máis de 5 millóns de metros cadrados de solo en 23 parques empresariais
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este xoves no acto de inauguración da nova fábrica de Estrella Galicia, sito no parque empresarial de Morás, en Arteixo (A Coruña), onde destacou que este proxecto representa “un antes e un despois” para o tecido industrial galego, ao combinar innovación, identidade e ambición de futuro.
O titular do Goberno galego enxalzou a aposta de Hijos de Rivera por consolidar en Galicia unha industria moderna, sostible e comprometida co territorio. Neste sentido, puxo en valor o futuro impacto positivo da que é xa a maior fábrica de cervexa de España e unha das máis avanzadas de Europa. Igualmente, celebrou a súa traxectoria, que conta con 120 anos de produción, cunha fórmula que o presidente definiu como sempre baseada na mellora constante e na fidelidade ás súas orixes sendo “unha empresa familiar”.
O xefe do Executivo autonómico puxo en valor o investimento previsto de máis de 400 millóns de euros para facer realidade esta infraestrutura, que considera unha mostra clara de confianza no potencial económico de Galicia, especialmente nun contexto no que o sector do consumo enfronta importantes desafíos. Destacou, ademais, que Hijos de Rivera é a única cervexeira de España que produce exclusivamente no seu lugar de orixe, un feito que cualificou de excepcional e motivo de orgullo colectivo.
O presidente subliñou o papel activo do Goberno galego para facilitar este proxecto desde o primeiro momento, axilizando trámites administrativos, poñendo a disposición solo industrial e ofrecendo unha xestión orientada ás necesidades da empresa. Reivindicou así o modelo de colaboración público-privada que a Xunta promove e que, segundo dixo, demostra a súa eficacia en iniciativas como esta “para ir da man e continuar medrando”.
Embaixadora da identidade galega no mundo
Puxo tamén como exemplo outras actuacións relevantes apoiadas pola Xunta, como a posta en marcha da primeira planta de proteínas vexetais en Curtis, baseada no aproveitamento do bagazo da cervexa, cun investimento público de 9,5 millóns de euros, ou os programas de Formación Profesional Dual dirixidos ao sector.
Rueda referiuse a Estrella Galicia como unha das grandes embaixadoras da identidade galega no mundo, polo seu compromiso coa excelencia, co coidado do produto e cos valores que definen a marca Galicia Calidade. Nesta liña, indicou que a empresa proxecta ao exterior “a identificación perfecta entre o que somos nós e o que é Galicia”. A nova planta, asegurou, é unha expresión clara deses principios e dunha forma de facer baseada na profesionalidade e na constancia.
O presidente da Xunta aproveitou para reafirmar o compromiso do Goberno galego co desenvolvemento industrial, lembrando a posta a disposición de máis de 5 millóns de metros cadrados de solo en 23 parques empresariais. Avanzou, ademais, que ata 2028 se mobilizarán 95 millóns de euros para potenciar 11 deses polígonos, o que permitirá incrementar nun 60% o solo dispoñible para novos proxectos empresariais en Galicia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.