Saturday 21 de June de 2025

O Supremo dá a razón ao Concello de Oleiros na denuncia sobre a recalificación de solo no Seixal aprobada por Cambre


A sala 5ª do contencioso administrativo do Tribunal Supremo recoñece que un concello limítrofe si pode estar lexitimado para impugnar un instrumento de planeamento doutra entidade local cando a actuación proxectada teña repercusións directas sobre o seu territorio, mesmo sen ser titular da acción pública como tal. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non resolvera inicialmente o recurso do Concello de Oleiros alegando falta de lexitimación.
A doutrina que se fixa é que un Concello pode impugnar o planeamento doutro limítrofe se acredita unha afectación real aos seus intereses municipais, sen necesidade de invocar a acción pública en sentido estrito. A Sala acepta que, neste caso, o Concello de Oleiros xustificou debidamente esa afección, tanto polo impacto ambiental como pola incidencia na mobilidade e no tecido territorial limítrofe.
Tras esta sentenza o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia terá que entrar no fondo do asunto e resolver sobre a modificación puntual das normas subsidiarias aprobadas polo Concello de Cambre para convertir 43.000 metros de solo rústico en urbanos, a carón das Casas Bailly, no linde co Concello de Oleiros. Tal e como denuncia o Concello de Oleiros, segundo a Lei do solo 2/2016 da Xunta de Galicia non se poden facer recalificacións de solo sen un Plan Xeral, e Cambre non o ten.

Co proxecto da pretendida urbanización nos terreos que hai entre a N-VI e Oleiros, os 43.000 metros de solo rústico pasarían a ter unha edificabilidade de 0,62m2/m2, o que permitiría a construción de numerosos bloques de vivendas e locais comerciais. E entre outras cousas, dos 43.000 metros só se reservan 5.000 para zonas verdes.

Deja un comentario