Saturday 21 de June de 2025

Román Rodríguez gaba a solidez dos mellores proxectos de investigación do bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía


O conselleiro de Educación destaca a importancia da investigación científica en todas as áreas da sociedade como motor de avance

Premiouse aos institutos Eusebio da Guarda (A Coruña), Rosalía de Castro (Santiago), As Barxas (Moaña), Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo) e o Colexio Lar (Mos)

Este curso estudaron este Bacharelato un total de 1.125 persoas, o 54% delas mulleres

 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu hoxe o acto de entrega dos premios aos mellores proxectos de investigación do Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, STEMbach. Otorgouse o recoñecemento aos traballos Células sintéticas disipativas moduladas mediante combustibles químicos, do Instituto IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña); Produción de bioplásticos a partir de augas residuais, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela); Semellanzas e diferenzas entre a xeometría das superficies plano, cilindro e esfera, do IES As Barxas (Moaña); Coñecendo as neuronas con anticorpos, do CPR Plurilingüe Lar (Mos), e Chequeo da triploidía na troita arcoíris, do IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo).

 

O obxectivo destes galardóns é valorar o traballo que desenvolven os estudantes que curan esta modalidade de Bacharelato orientada a impulsar a formación STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e as habilidades científico-tecnolóxicas, en especial no tratamento de datos e na incorporación da intelixencia artificial á sociedade, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos.

 

O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou a solidez dos proxectos que chegaron á fase final, que sobresaen pola súa metodoloxía e linguaxe científica e pola utilidade e pertinencia das hipóteses presentadas. Puxo en valor, ademais, a calidade e variedade dos traballos “que abranguen desde a xenética ata a literatura, pasando pola cartografía, a xeometría ou a química”. “Isto dá boa conta da importancia capital da investigación científica en todas as áreas da sociedade como motor de avance, unha misión á que todos os alumnos que participastes nesta convocatoria estades xa contribuíndo”, salientou.

 

Román Rodríguez fixo fincapé tamén no importante traballo de colaboración que desenvolve o profesorado do STEMbach, as tres universidades públicas galegas, a UNED de Lugo e a Consellería “para que este Bacharelato sexa un referente na formación académica do alumnado e sexa un primeiro contacto coa metodoloxía que van empregar no seu futuro na universidade ou no traballo”.

 

Máis de 60 propostas

Un total de 63 propostas de 14 centros educativos optaron a estes premios. Deles, 34 foron codirixidos por profesorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 14 pola Universidade da Coruña (UDC), 11 pola Universidade de Vigo (UVigo), dous pola UNED de Lugo e dous proxectos foron codirixidos por docentes de dúas universidades (un pola UDC e Uvigo e outro pola USC e UNED Lugo). Do total de proxectos presentados, 42 corresponden a sete centros da provincia da Coruña, oito a un centro de Lugo, cinco a dous centros de Ourense e oito a catro centros da provincia de Pontevedra.

 

O alumnado participante, de xeito individual ou en grupo, tivo que presentar un traballo de investigación. Nas distintas fases de avaliación tivéronse en conta criterios científico-técnicos (metodoloxía empregada, análise dos resultados, presentación dos mesmos, conclusións…), a memoria do proxecto (coherencia e calidade, estrutura e extensión, emprego de linguaxe científica axeitada, bibliografía…) e o vídeo de presentación (fluidez do mesmo, creatividade e orixinalidade, emprego de recursos visuais…).

 

Na fase final, celebrada hoxe, os aspirantes expuxeron en público os seus traballos e escolléronse os cinco gañadores. A relación de proxectos que chegaron á fase final e se expuxeron hoxe é a seguintes:

 

Concello Centro Universidade Proxecto
A Coruña IES Agra do Orzán UDC Determinación da presenza dun xene no xenoma dun organismo
A Coruña IES Plurilingüe Eusebio da Guarda UDC Células sintéticas disipativas moduladas mediante combustibles químicos
Oleiros IES Miraflores UDC Análise dinámica de estruturas con Arduino
Santiago de Compostela IES Plurilingüe Rosalía de Castro USC Produción de bioplásticos a partir de augas residuais
Lugo IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes UNED Lugo e USC Chequeo da triploidía na troita arcoíris
Ourense IES Eduardo Blanco Amor UVigo ”She is a most charming young lady, indeed”, adxectivos e linguaxe feminina/feminizada en Jane Austen e as irmás Brontë
Baiona IES Primeiro de Marzo UVigo Uso de indicadores químicos para avaliar a acidificación dos océanos
Moaña IES As Barxas USC Visualización e análise de proxeccións cartográficas e rutas xeográficas
Moaña IES As Barxas USC Semellanzas e diferenzas entre a xeometría das superficies plano, cilindro e esfera
Mos CPR Plurilingüe Lar UVigo Coñecendo as neuronas con anticorpos

 

Paquete de novidades

A Xunta creou o pasado curso estes premios para poñer en valor o traballo dos estudantes do STEMbach, un programa enmarcado na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030. Todos os centros participantes, profesorado e alumnado recibe un recoñecemento e mención da súa participación nesta convocatoria. Os proxectos de investigación gañadores reciben un recoñecemento especial e distintivo para remarcar e subliñar o esforzo e o traballo realizado polo alumnado.

 

Os galardóns forman parte dun paquete amplo de novidades, como o recoñecemento de créditos ECTS universitarios para o alumnado participante, polo que os estudantes que superan o programa e se matriculan posteriormente nalgunha das universidades públicas ve  recoñecidos con créditos de libre configuración este mérito. En total, poden obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario e ata un máximo de 6 créditos ECTS.

 

Nova convocatoria

Neste momento está aberto o prazo para que os centros soliciten continuar ou incorporarse ao STEMbach. Poderán facelo a través do formulario correspondente na Sede Electrónica ata o vindeiro 7 de xullo. A Xunta implantou este programa por primeira vez no curso 2018/2019 e foise consolidando ata chegar a 53 centros e 1.125 persoas matriculadas no presente curso, das cales o 54,4% (612) son mulleres fronte a 513 homes (o 45,6%).

O programa ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os estudantes cursan, a maiores do currículo da modalidade na que estean matriculados, unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM extracurricular de dúas ou tres horas semanais. Ademais, deben realizar un proxecto de investigación e actividades complementarias de formación en colaboración coas universidades públicas de Galicia, entidades, organismos e persoas investigadoras de recoñecida competencia.

Deja un comentario