Saturday 21 de June de 2025

O Fórum Carballo acollerá o próximo curso un ciclo de FP básica dual intensiva de cociña e restauración e outro de soldadura


O Fórum Carballo converterase o próximo curso na sede de dous ciclos de FP básica dual intensiva, un de cociña e restauración e outro de soldadura, tras o acordo alcanzado entre o Concello de Carballo e a Consellería de Educación, que se materializará en breve en forma de convenio.

 

O ciclo de cociña e restauración era unha vella demanda tanto do Concello de Carballo coma da hostalaría local, integrada agora en Axober. Precisamente a asociación de empresarios convocou ao sector para presentar esta nova formación, que forma parte do catálogo de especialidades do IES Monte Neme para o curso que vén. No acto, celebrado este mércores pola tarde na cociña do Fórum, Manuel Verdes, dinamizador de relación coas empresas en FP, ofreceu todo tipo de detalles e respondeu ás preguntas formuladas polas persoas asistentes, entre as que se atopaban, ademais dunha vintena de empresarios/as carballeses, representantes do Centro Integrado de Formación Profesional Paseo das Pontes e o presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte, Pepe Formoso.

 

Manuel Verdes explicou que o ciclo de grao básico de cociña e restauración constará de dous cursos. Haberá 18 prazas e poderán participar alumnos/as de 18 anos ou máis, ou, sempre que queden prazas, menores desa idade con autorización materna/paterna. O reto é importante, e nese sentido resulta especialmente importante o papel de Axober como entidade que aglutina ao sector hostaleiro carballés, para que os/as estudantes poidan realizar as súas prácticas. Pero, ao mesmo tempo, a posta en marcha deste ciclo abrirá a posibilidade de formación de profesionais dos que tan necesitado está neste momento o sector, como apuntou Pepe Formoso.

 

Á presentación deste novo ciclo asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade; a concelleira de Educación, Mar Eirís, e o concelleiro de Mocidade, Ramón Varela, así como o edil popular José Rey, ademais do presidente de Axober, Diego Iglesias, e a xerente do CCA, Yolanda Antelo.

 

Iván Andrade puxo en valor as magníficas instalación da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo, “do melloriño de Galicia”, e convidou aos asistentes a percorrelas ao remate da presentación. O concelleiro de Formación e Emprego destacou o esforzo compartido por tantas persoas para conseguir este ciclo de cociña e restauración, “que é o froito de moito traballo e da implicación de moitas persoas”, e incidiu na importancia da colaboración entre administracións, e tamén entre estas e a sociedade organizada, para que proxectos deste tipo cheguen a bo porto.

 

Nese sentido, o alcalde destacou especialmente o papel que xogou Manuel Verdes, “que insistentemente foi o interlocutor coa Consellería de Educación”. Evencio Ferrero lembrou que o Fórum Carballo naceu para a formación, “e cando se coñecen estas instalacións un dáse conta de que as oportunidades hai que aproveitalas”. O Concello de Carballo asumirá os gastos de funcionamento (conserxaría, limpeza, electricidade, auga…) e a Consellería de Educación, os de profesorado e materiais. “Isto é fundamental, a colaboración entre Administracións en beneficio da sociedade”, concluíu Evencio Ferrero.

Deja un comentario