Saturday 21 de June de 2025

O Concello de Bergondo renovará a varanda da rotonda da AC-162


· A actual infraestrutura, deteriorada polo paso do tempo, será substituída por outra de material reciclado e máis resistente.

O Concello de Bergondo licitou un proxecto para mellorar a seguridade peonil na intersección entre a estrada AC-162 e Aldea Cornide, onde se detectou un estado de deterioración avanzada na varanda de protección existente. Esta intervención responde á necesidade de substituír unha infraestrutura que presenta importantes deficiencias, tales como deformacións nos perfís metálicos e un alto grao de corrosión, especialmente nos montantes e pasamanos, o que representa un risco potencial tanto de caída como de feridas por corte para os peóns. Ademais, un das marxes carece actualmente de protección debido á retirada previa dun tramo de varanda.

A actuación prevista contempla o desmonte dos 193,80 metros de varanda metálica existente. Estes elementos serán retirados mediante corte na súa base ou desmonte das ancoraxes, segundo proceda, e trasladados aos almacéns municipais. Posteriormente, procederase á instalación de 216,75 metros de nova varanda de protección dun metro de altura, cun deseño máis adecuado á contorna, que inclúe postes da mesma altura, listóns horizontais e lamas verticais de 80 cm. O modelo seleccionado estará fabricado cunha mestura de plásticos reciclados.

A elección deste material reciclado responde a criterios de sustentabilidade ambiental e redución de custos de mantemento, dado que a súa conservación resulta practicamente nula.

O prazo estimado de execución é dun mes, contado a partir da firma da acta de comprobación do reformulo. O orzamento basee de licitación ascende a 32.402,54 euros.

Deja un comentario