A música correrá a cargo de seis grupos folclóricos, da Charanga Mekánika e das orquestras París de Noia e Cinema
A área recreativa “Os Pasos”, na parroquia de Aiazo (Frades), acollerá este domingo 20 de marzo a undécima edición da Festa da Merenda, unha celebración gastronómica organizada pola asociación de veciños “Os Pasos” para poñer en valor o papel xogado por estas tortillas de masa xogaron durante épocas de necesidade. Unha festa que dará comezo ás 12:00 horas, momento no que unha ducia de cociñeiras da parroquia comezarán a elaborar ata un milleiro de tortillas de masa, coñecidas nesta comarca como “merendas”, que se repartirán de xeito gratuíto entre todos os visitantes.
Estas merendas están elaboradas cunha masa común feita con ovos, auga e fariña á que despois cada cociñeira lle dá o seu toque persoal, tanto polo grosor da masa como por se as acompaña ou non por touciño. A degustación das merendas é totalmente de balde na carpa da festa, aínda que tamén é posible comprar merendas para levar, que se entregarán en caixas de pizza: unha por 3 euros, dúas por 5 euros. Esta medida tivo moito éxito nas dúa edicións anteriores e evitou que se desperdiciaran merendas, pois había quen levaba varias para os merendeiros e logo remataban tiradas pola área recreativa.
Programa
A X Festa da Merenda de Aiazo dará comezo ás 12:00 horas na área recreativa “Os Pasos” (GPS: 43º 0´58” N – 8º 16′ 54” W) coa degustación gratuíta das tortillas de masa con torriscos, elaboradas baixo unha carpa pechada durante toda a xornada. Ás 13:30 horas terá lugar a actuación da Charanga Mekánika, que dará paso ao xantar. Ademais das merendas gratuítas que se servirán baixo a carpa, as familias poderán escoller entre traer a comida da casa (e utilizar as mesas e o entorno da área recreativa “Os Pasos”) ou optar por unha polbeira (de pago) que estará aberta todo o día e baixo carpa cuberta.
A partir das 16:00 horas terá lugar a gran Foliada da Merenda, que contará coa participación dos grupos Reviravolta (Lardeiros), Agrocovo (Esteiro), Arnela (Carral), As Sobreiras do Ulla (Touro), Os do Pilón (Arzúa) e os locais Sarillo (Aiazo). Ás 19:00 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Cinema.