
Francisco Díaz Gallego, edil de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, informou hoxe ás e aos representantes das comunidades sobre as actuacións que están sobre a mesa, recollendo tamén as súas achegas para valorar a súa viabilidade
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, informou hoxe aos representantes da veciñanza das Casas de Franco do proxecto para mellorar a accesibilidade na rúa Mosteiro de Sobrado, unha iniciativa coa que o Concello busca dar continuidade ao plan de reurbanización na contorna dos bloques de vivendas.
As Casas de Franco, construídas a mediados dos anos sesenta, están calificadas como Entornos Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP). Isto supón que, pola súa configuración e antigüidade, optan a axudas para financiar actuacións de rehabilitación orientadas a mellorar a eficiencia enerxética, como as que lanzou o Goberno de Inés Rey este mes, co prazo de solicitudes aberto ata o 7 de xullo.
Mais, en paralelo, o Concello tamén está a promover a renovación dos espazos públicos que hai na contorna dos edificios, co obxectivo de adaptar e mellorar os percorridos peonís e, fundamentalmente, facer totalmente accesibles os portais das vivendas, con novas ramplas que, en numerosos casos, a día de hoxe, non existen.
“Esta é a liña de traballo que sustenta o proxecto de actuacións na rúa Mosteiro de Sobrado. Hoxe amosámosllo ás veciñas e veciños para coñecer a súa opinión, valorar posibles achegas e, de paso, manter unha canle de comunicación aberta coas persoas residentes, porque somos
conscientes de que hai detalles técnicos que a miúdo precisan dunha explicación máis detallada”, razoou Francisco Díaz Gallego.
As actuacións en Mosteiro de Sobrado supoñen a segunda fase das intervencións previstas no ERRP das Casas de Franco. Sobre a mesa está a renovación integral da rúa, co ensanchado das beirarrúas, o mantemento dun carril de circulación —como ata agora— con firme integramente de formigón e a disposición de pavimentos diferenciados, que remarquen os espazos peonís. Tamén se plantexa a plantación de novo arboredo nunha rúa que carece del, minimizando en todo o posible o impacto nos espazos de estacionamento dispoñibles.
“Falamos dunha proposta que entendemos viable e, ademais, que osixena a rúa con respecto á súa configuración actual. En todo caso, como fixemos hoxe, escoitaremos as consultas e demandas da veciñanza antes de levar o proxecto definitivo á Xunta de Goberno Local”, agregou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda.
O orzamento base con vistas á futura licitación dos traballos estímase en 430.000 euros, cofinanciados con recursos estatais a través dos fondos europeos Next Generation
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.