Saturday 21 de June de 2025

San Sadurniño, capital comarcal do fútbol base durante esta fin de semana


O campo da piscina acolle de venres a domingo o XIX Torneo de fútbol 8 organizado polo CF San Sadurniño

 

Máis de 500 nenas e nenos, 42 equipos  de tres categorías e un grande reto organizativo para o CF San Sadurniño son as tres claves informativas do XIX Torneo de fútbol 8 que se disputará no campo municipal da piscina desde este venres 20 de xuño até o domingo 22. Unha cita que converterá San Sadurniño en capital comarcal do deporte de base durante tres días e que, ademais, é o último grande evento antes das vacacións do verán logo dunha intensa temporada. O club local é anfitrión dun torneo  que é  punto de encontro para os equipos e as familias e, ao tempo, festa deportiva de arranque do verán. De feito, a piscina municipal permanecerá aberta estes tres días exclusivamente para o goce da rapazada do torneo, antes da apertura oficial prevista para o luns.

Ao torneo acudirán un total de 42 equipos da base dos clubes desde a ría até o Ortegal. Confirmaron inscrición cadros do Perlío, Canido, O Val, Portuarios, Cedeira, Numancia de Ares, Narón, Galicia de Mugardos, Perlío, Ánimas, Club de Campo, Racing San Pedro, Eume, Estrella / A Solaina, Ortigueira, Galicia de Caranza, O Freixo, Libunca e, por suposto, as escuadras da base da EF Irmandiños. Xogaranse partidos en tres categorías: prebenxamín, benxamín e alevín.

O pitido inicial da rolda de enfrontamentos darase este venres ás 16:00h. cos partidos de prebenxamíns entre o Perlío e o Irmandiños e entre o Cedeira A e o Narón, que se xogarán -igual que o resto dos encontros- simultaneamente, xa que o campo se dividirá en dúas canchas. Neste primeiro apartado do torneo participarán 10 equipos en tres grupos xogando en tempos de 20 minutos, mentres que as semifinais e as finais se xogarán a un único tempo de 25 minutos. Prevese que a final comece sobre as 21:30h.

sábado a actividade futbolística nos Currás comezará ás 10:30h. e tamén con partidos simultáneos a medio campo. Xogaranse os encontros de benxamíns, onde entran un total de 16 equipos a razón de catro por grupo. Se se cumpre o cronograma, as semifinais xogaranse ás 19:30h. e xusto unha hora despois comezará a final da categoría.

O domingo resérvase para as competicións de alevíns, tamén con 16 equipos e arranque ás 10:30h. O cadro de enfrontamentos calcula que os cuartos de final entre grupos se xoguen a partir das 18:00h, que as semifinais a catro -simultáneas nas dúas canchas- se disputen a partir das 19:30h e que a final da categoría e derradeiro partido do torneo comece ás 20:30h.

Segundo Meteogalicia, o tempo vai vir soleado e sen tanta calor coma onte e antonte, ofrecendo unhas condicións perfectas para o fútbol… e tamén para desfrutar da área recreativa dos Currás. De feito,  o Concello abrirá a piscina municipal para que as nenas e nenos poidan refrescarse entre partido e partido. Nas instalacións acaban de acometerse obras de mellora por valor de 63.000 euros, destinados á substitución do recubrimento do vaso, á renovación do peche perimetral e á colocación de canalóns na cuberta do ambigú e os vestiarios.

Trátase dunha apertura previa á oficial -a partir do luns- e é exclusiva para os equipos participantes no torneo organizado polo CF San Sadurniño coa colaboración do Concello de San Sadurniño. O alcalde, Secundino García Casal, comentou esta mañá que se trata “dun grande evento deportivo que xuntará no noso concello a máis de 500 rapazas e rapaces”.

O rexedor quixo recoñecer o labor organizativo do club “no que se implican a directiva, o corpo técnico e moitas nais e pais, que fan un grande traballo na coordinación deportiva e, sobre todo, para que todos os equipos visitantes marchen con ganas de volver o ano que vén. O CF San Sadurniño é un grande anfitrión e pola nosa banda non podemos máis que facilitarlles o traballo no posible”, recalcou García Casal.

Deja un comentario