Saturday 21 de June de 2025

Neda organiza unha ruta nocturna a Ancos para desfrutar do espectáculo “Costa da Morte, cartografía dun naufraxio”


Ábrese o prazo para inscribirse na andaina, prevista para o 29 de xuño

O Concello de Neda organiza o domingo 29 de xuño unha ruta nocturna, seguida dunha actuación teatral, no miradoiro de Ancos. Tras o ascenso a pé dende Xuvia, dará comezo nese espazo singular o espectáculo “Costa da Morte, cartografía dun naufraxio”. Dende este venres ábrese o prazo para inscribirse na andaina.

Explican dende o Concello que a saída está prevista para as 21.30 horas dende o Albergue de peregrinos de Neda, e que todos os participantes terán que levar lanterna (para o camiño de volta) e roupa de abrigo. A actividade está aberta a maiores e nenos, sempre e cando estes vaian acompañados por unha persoa adulta. Será un percorrido de ida e volta por asfalto, seguindo a estrada que vai dende Casadelos.

Unha vez completado o ascenso, xa no coñecido miradoiro, (22.30 horas), o público poderá desfrutar dunha “viaxe pola historia do noso mar, a través de relatos reais e de cantigas populares interpretadas en directo”.

“Costa da Morte, cartografía dun naufraxio” é unha peza, co producida polo Centro Dramático Galego, e escrita e interpretada por Mariña Lestón, con historias sobre naufraxios producidos nese tramo da costa galega, sobre as persoas que perderon a vida neles, e sobre a xente que deixaron en terra.

Para participar na ruta haberá que inscribirse na biblioteca, de forma presencial ou chamando ao 981390233, en horario matinal. As prazas serán limitadas. A iniciativa busca poñer en valor o miradoiro como escenario cultural e, ao tempo, fomentar hábitos saudables.

Deja un comentario