
A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente provincial, Valentín González, asinaron o acordo
A alcaldesa, Inés Rey, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña, representada polo seu presidente, Valentín González Formoso, que permitirá que formación coruñesa actúe de novo este 2025 en diferentes municipios da provincia. O acordo supón un investimento de 1,5 millóns de euros por parte do organismo provincial que permitirán difundir a música da Sinfónica en concellos como Ferrol, Santiago, Vimianzo e outras localidades aínda por determinar. Este acordo tamén permitirá seguir apoiando os concertos didácticos da OSG, con 50 actividades entre sesións escolares, concertos en familia e concertos extraordinarios en toda a provincia.
“A nosa querida Orquestra Sinfónica de Galicia é todo un referente a nivel mundial e, ademais dos seus grandes concertos máis alá de Galicia, é moi necesario que a nosa provincia e as súas diversas localidades poidan gozar dos seus concertos”, indicou Inés Rey, que celebrou a renovación do “apoio da Deputación para expandir a súa programación anual”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación salientou que “a OSG é un referente no seu ámbito e un orgullo para todos os galegos e galegas. Co apoio da Deputación queremos que a súa excelencia musical non quede restrinxida ao Palacio da Ópera da Coruña, senón que se espalle por todo o territorio, achegando a música a todos os concellos e a todos os públicos”.
O Concello da Coruña foi o impulsor e creador da OSG, unha formación musical hoxe recoñecida a nivel internacional e entre as mellores de España, e á que o Concello, que preside o Consorcio para a Promoción da Música, aporta 4 millóns de euros anuais para o financiamento da formación, aumentando nos actuais orzamentos a contía en case medio millón de euros.
O acordo asinado hoxe permitirá financiar actividades da OSG de tempada e na provincia da Coruña, actividades da Orquestra Nova e da Orquestra de Nenos e Nenas na provinvia, actividades dos Coros da OSG na provincia e o proxecto didáctico.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.