
O Concello iniciará os traballos de plantación este venres. En paralelo, continúan as tarefas de poda nos ENIL, onde se acoutaron espazos concibidos como reservas de biodiversidade para, por exemplo, as especies polinizadoras
Aproveitando o inicio inminente da estación de verán, o Concello daralles un pulo aos traballos de plantación que se están levando a cabo en espazos naturais como os xardíns de Méndez Núñez, onde mañá arrincará unha nova quenda de actuacións que permitirá crear novos parterres de flores e sumar máis especies vexetais.
As intervencións previstas executaranse na Rosaleda, a contorna do estanque e tamén na sebe de ligustro que hai preto do reloxo floral, tres dos enclaves patrimoniais con máis simbolismo dos moitos que hai en Méndez Núñez.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe da folla de ruta que seguirá o Concello no contexto desta actuación, “coa que aproveitaremos para lles dar máis vida e luz a diversas áreas do xardín ao poñelo en valor coa plantación de especies como a Ipomoea batata ou a Impatiens guineana, de cores moi vivos”.
Estas dúas especies serán as que se plantarán preto do estanque e do reloxo floral. Xa na Rosaleda, o Concello creará catro novos parterres mixtos, duns 20 metros cadrados cada un.
“Neste espazo dos xardíns tamén gañaremos en diversidade en canto a tamaños e cores, con variedades de dalias e aliso de mar”, explicou a concelleira. As novas plantacións de flores non suporán a retirada de ningunha das roseiras, que seguirán a ser o elemento central dese espazo.
Reservas de biodiversidade nos ENIL da cidade
Na primavera e coa posterior chegada tempada estival o Concello reforza os traballos de conservación e mantemento nos parques e xardíns da cidade, tamén nos Espazos Naturais de Interese Local (ENIL) que hai na Coruña: o da Torre de Hércules e o do monte de San Pedro.
Neste sentido, nas últimas semanas foron visibles diversas actuacións nos ENIL, “onde a poda se leva a cabo por zonas específicas para delimitar e acoutar reservas nas que viven, por exemplo, especies polinizadoras como as abellas silvestres, fundamentais para manter a biodiversidade nos ecosistemas ”, precisou Noemí Díaz.
Este é o motivo polo cal, a miúdo, as tarefas de poda e roza deixan debuxos desiguais e diversas alturas de herba nalgunhas áreas verdes da cidade, onde por normativa ambiental e para protexer as especies é necesario actuar son sumo coidado e, ao mesmo tempo, delimitar espazos nos que vivan sen alteracións.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.