Thursday 19 de June de 2025

O vindeiro domingo 22 terá lugar a sétima edición da Travesía a Nado Illa de Rúa


No día de hoxe celebrouse a convocatoria para a presentación da sétima edición da Travesía a Nado Illa de Rúa na que estiveron presentes o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, o presidente do Club Náutico de Ribeira, José Luis Torres, a presidenta da Asociación Contra o Cancro de Ribeira, María José Carreira xunto co técnico de Deportes do Concello, Francisco Romay e o equipo directivo da ACCR.

Abriu a presentación Carreira que puxo de manifesto que esta travesía a nado xa é unha data institucionalizada en Ribeira “porque este evento deportivo, nos pon no mapa das grandes travesías galegas a nado en augas abertas”. Tamén indicou que “debe ser única de España con carácter benéfico”.

As inscricións xa están pechadas, Carreira informou que co paso das edicións o proceso de inscricións “cada ano remata antes”. O número de
participantes é o habitual 150 e proceden de diferentes partes de Galicia e España, non se pode ampliar o número de participantes “por cuestións de loxística”, indicou.

Torres Colomer tivo palabras de agradecemento para a Asociación Contra o Cancro de Ribeira pola súa labor “constante e importante pola loita contra esta enfermidade”, tamén tivo palabras para os participantes da pobra, “porque independentemente do propio esforzo físico que supón a pobra –catro quilómetros de travesía–, tamén veñen a colaborar na loita contra o cancro”.

Romay falou da parte técnica da travesía sinalando que dende a Illa de Rúa até o Náutico hai 4.500 metros lineais; a previsión do tempo para o domingo será de pouco vento e cunha temperatura da agua de 17/18 graos. A hora do embarque dos 105 homes e as 45 mulleres inscritos será ás 10:45 horas no catamarán que achegará aos nadadores e nadadoras á illa, e unha vez alí; ás 11:30 horas darase a saída da travesía. Haberá trofeos para o tres primeiros das dúas categorías, un especial para o nadador máis veterano e outro especial para o participante que logre ter a mellor marca da travesía que está en 55 minutos.

A presidenta da ACCR desvelou a persoa homenaxeada desta edición; Gloria Lijó; que comezou a nadar aos 55 anos e que descubriu a paixón por este deporte.

O rexedor local reafirmou que esta travesía vén a consolidar a Ribeira nese referente deportivo “con xa sete edicións celebradas”, puxo en valor a implicación da xunta local contra o cancro, “unha entidade que sempre colabora con todo tipo de eventos deportivos e tamén cabe destacar que é unha das xuntas locais máis activas da provincia da Coruña”, para finalizar destacou que ese constante traballo se vexa reflectindo no día a día “visibilizando esta enfermidade e acompañando a quen a padece directa ou indirectamente”.

Deja un comentario