
As solicitudes, elaboradas no marco dun proxecto escolar sobre participación cidadá, recollían propostas e peticións sobre a contorna educativa que a rexedora respondeu nun encontro coas nenas e nenos
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou este mediodía o CEIP Plurilingüe Wenceslao Fernández Flórez para reunirse co alumnado de 3.º de Primaria, que nas últimas semanas redactaba cartas formais dirixidas á rexedora, formulando propostas sobre o colexio e a cidade no marco dun proxecto didáctico de educación para a cidadanía.
A actividade, promovida polo equipo docente, tiña como obxectivo achegar o funcionamento das institucións á realidade do alumnado e fomentar o espírito crítico, a implicación cívica e o respecto polas canles formais de comunicación coa Administración.
Durante o encontro, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, respondeu de forma persoal e directa ás cuestións formuladas nas cartas, nun ambiente participativo no que as nenas e nenos tiveron a oportunidade de expoñeren as súas ideas e reflexións.
A rexedora puxo en valor “o compromiso e interese que amosa o alumnado por mellorar o seu contorno, así como o traballo do profesorado por incentivar a participación cidadá desde a escola”.
O Goberno municipal continúa así a súa liña de traballo en favor da educación en valores democráticos e da implicación das novas xeracións na vida da cidade, ao promover espazos de escoita activa e colaboración coa comunidade educativa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.