
Invístense 7.000 euros na compra dos 472 m2 necesarios para a intervención, que entre a parte da Laracha e a de Arteixo alcanza un orzamento de 510.000 euros.
A Xunta de Goberno Local acordou hoxe elevar a definitiva a aprobación do expediente de expropiación dos terreos afectados polo proxecto de mellora da estrada e creación da rede de saneamento no núcleo da Esquipa da parroquia de Lendo.
Son un total de 472 m2 repartidos entre 11 parcelas os necesarios para executar a parte das obras no termo municipal da Laracha. O Concello destinará á súa adquisición máis de 7.000 euros. O pagamento e o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos para o inicio das obras quedou fixado para o día 28 de xullo.
O proxecto é froito dun convenio de colaboración entre os Concellos da Laracha e de Arteixo para mellorar a rede viaria e os servizos nesa zona limítrofe entre ambos municipios.
A licitación do proxecto e o procedemento de contratación das obras está delegado en Arteixo dado que a maior parte da intervención afectará ao seu territorio. Sen embargo, a totalidade das actuacións beneficiarán á veciñanza de ambos termos municipais por tratarse de actuacións que mellorarán os equipamentos e servizos da Esquipa, facendo ese núcleo de poboación máis accesible, sostible e respectuoso co medio ambiente. Contémplase levar o servizo de saneamento mediante a creación da rede de sumidoiros e dunha estación depuradora de augas residuais. Ademais, vai ser ampliada a plataforma da calzada e mellorada a estrada.
O proxecto está valorado nun total de 510.000 euros e será subvencionado nun 50 % pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Cooperación Local para investimentos de carácter estratéxico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Dado que o 75 % das obras afectan ao termo municipal de Arteixo, tamén se distribuirán os custes a asumir polos Concellos con esas mesmas proporcións, polo que á Laracha lle corresponderá achegar 63.436,75 euros, ademais do gasto que supón a expropiación dos terreos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.