Thursday 19 de June de 2025

As escolas culturais de San Sadurniño despídense entre este domingo e o venres da próxima semana


Encaramos os últimos días de xuño. Momento no que a rapazada acaba o colexio e tamén momento no que as escolas municipais fan unha pausa ata despois do verán.  Iso si, antes de coller vacacións toca mostrar todo o aprendido nos últimos meses. Así, as arredor de 70 persoas que asisten ás clases de Música moderna, Pandeireta, Baile tradicional e Gaita teñen preparado un repertorio ben entretido que, un ano máis, se repartirá en dúas datas e dous espazos distintos: Música moderna actuará este domingo 22 de xuño ás 12:00h na Casa da Cultura, mentres que as demais escolas culturais clausurarán curso o venres 27 ás 19:00h nos xardíns municipais (o Concello mudou hai uns días o emprazamento anunciado inicialmente no boletín Novas).

O grupo de discípulas e discípulos de Xoán Leis en  Música moderna  pechará ano académico este domingo 22 ás 12:00h cun concerto que, de seguro, volverá sorprendernos con pezas de distintas épocas -tamén do repertorio galego- interpretadas dun xeito diferente ao piano, a batería, o baixo, a guitarra eléctrica… Todos instrumentos tocados por persoas sen experiencia previa, pero que avanzaron rapidamente gracias ao método de Leis e o seu equipo docente.

Tal e como ocorreu en anteriores espectáculos da escola, como o concerto do Nadal ou a clausura do ano pasado, durante unha hora asistiremos a unha auténtica festa con moita música, humor e interacción co público na que vai ser difícil non erguerse da butaca para poñerse a bailar.

Venres 27 de xuño, ás 19:00h, xardíns municipais: despedida das escolas culturais
O venres 27 será a quenda das Escolas Municipais Culturais, que tamén din adeus ao curso cunha tarde ben especial no entorno dos xardíns municipais, despois de que o Concello decidise cambiar de sitio hai tan só uns días con respecto á información enviada ás casas no boletín Novas.

A cita comezará coa actuación da Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene. Un grupo con nomes como Leandro Lamas, Carlos Mosquera “Mos”, Silvia Casal ou  Xosé Manuel Felpeto, entre outros ,que chega a San Sadurniño gracias á Rede Cultural da Deputación da Coruña. A diferencia das corais ao uso, esta “corral” -o nome é intencionado- ofrece versións de grandes éxitos aos que lles cambian a letra para facelos máis humorísticos e, sobre todo, máis do país, sen descoidar en ningún momento a calidade vocal e instrumental.

A iso das 19:45h, será o momento das escolas de baile tradicional, pandeireta e gaita. Cada grupo terá uns 10 minutos para mostrar o que estivo preparando, cunha combinación de actuacións por separado e outras conxuntas, buscando sempre ese equilibrio entre variedade e dinamismo que fai que o tempo pase voando. O formato está pensado para durar ao redor dunha hora, pero xa se sabe… nunha boa foliada, o programa oficial é só o comezo. Despois, quen queira seguir, pode facelo ao ritmo da música e das ganas de festa.

Ao remate serviranse uns petiscos aos que tamén están convidadas as preto de 30 persoas dos grupos de ximnasia de mantemento de Lamas, Igrexafeita, Naraío e Santa Mariña do Monte. Se viñese mal tempo, moveríase todo o evento para o local social de Lamas cos mesmos horarios.

Deja un comentario