San Sadurniño recomenda chamar ao 900 833 999 se se detectan interferencias na recepción de televisión
Parece que a cobertura do 4G se está incrementando nos últimos días. Nas webs das operadoras con rede propia -Movistar, Vodafone e Orange- hai mapas interactivos que nos mostran como avanza a implantación na comarca desta tecnoloxía que permite conexións a internet impensables ata hai ben pouco. Porén, estes planos son só unha referenza e non responden á realidade. Está comprobado, por exemplo, que o 4G de Orange está chegando ás zonas altas de Igrexafeita -50mb de descarga e 20 de subida- e, porén, no plano que figura na web só aparecen con cobertura parte dos municipios da ribeira da ría e o concello das Pontes. En calquera caso, o despregamento do 4G ten un pero. E ese pero é que pode afectarlle á recepción da televisión. Iso si, hai amaño e é gratuíto. Abonda con chamar ao 900 833 999 -gratuíto- para que anoten a incidencia e nos envíen un antenista para que nos arranxe o problema sen pagar un peso.
O despregamento da tecnoloxía LTE na banda de 800 Mhz (o 4G) obrigou a mover antes varias canles da TDT para deixarlles libre esa frecuencia ás operadoras de telefonía móbil. Esa liberación quedou completada en abril de 2015 e desde aquela están poñéndose en marcha novas estacións capaces de ofrecer ata 150 “megas” de velocidade de conexión á Internet. Porén, esta fase de posta en marcha pode causar interferencias na recepción do sinal de televisión e de aí que as operadoras puxesen en marcha a entidade llega800, que ofrece información e incluso a instalación gratuíta dun dispositivo que corrixa as interferencias debidas ao 4G.
En teoría, no momento en que se active un repetidor 4G -un “nodo” en linguaxe técnica- que poida causar interferencias nunha zona determinada, llega800 enviará unha carta aos usuarios e usuarias que puideran verse afectadas indicándolles que a partir dese momento poderán solicitar a adaptación da antena para inmunizala ante o 4G. Cómpre ter en conta que a información dispoñible na web de llega800 sinala que a comunicación a recibirá a cidadanía que resida nas “zonas de maior afectación”, o que fai presupoñer que as cartas cheguen antes aos grandes núcleos de poboación que ás pequenas zonas rurais, como é o noso caso.
Por iso, aínda que non recibisemos carta algunha, se notamos interferencias, que deixamos de ver algunhas canles -ou todas- debemos contactar coa entidade a través da web www.llega800.es ou desde o teléfono gratuíto 900 833 999 para que nos manden un/unha antenista e que nos arranxe o problema sen custe. Na maioría dos casos abondará con poñer na antena un simple filtro de frecuencias que blinde a antena de televisión contra as interferencias do 4G.
Unha tecnoloxía revolucionaria
As operadoras están gastando inxentes cantidades de cartos en promocionar o 4G como a tecnoloxía definitiva para a telefonía móbil agora que as táblets e os teléfonos son os dispositivos que máis se usan para acceder á Internet e todos os seus servizos.
Porén, o 4G tamén parece que vén solucionar o retraso que sofren as zonas rurais no acceso a unha banda larga de calidade. De feito, tanto Orange, Vodafone como Movistar xa ofrecen conexión á Internet nos fogares mediante sinxelos enrutadores wifi que levan no seu interior a tarxeta dun móbil. Naqueles puntos onde hai cobertura 4G xa se benefician de velocidades impensables ata hai pouco. Un caso que coñecemos de primeira man é o de Orange en Igrexafeita. Alí ata o ano pasado só cabía a posibilidade de contratar a conexión vía satélite ou polo wimax, en ambos casos por prezos elevados en relación coas velocidades ofrecidas. A recente activación dun nodo de Orange permitiu que nas zonas elevadas da parroquia haxa unha velocidade de descarga de 50 megas e unha de subida de 22, superior incluso á das conexións por cable convencionais. Se non hai 4G, o enrutador tira da rede 3G cuns tamén dignos 8-10 megas de descarga e 2-5 megas de subida. O prezo: 35 euros mes e unha permanencia de 18 meses.
E quen di Orange, di Vodafone ou Movistar, que teñen produtos similares con prezos distintos e tamén con limitacións distintas. Porque, esa é outra, estes paquetes de acceso á rede teñen o pero de que veñen co tráfico mensual limitado. Orange só permite 35 gigas ao mes -máis que dabondo para un uso intensivo que non tire sen xeito nin maneira das descargas de películas, música e programas-, mentres que Vodafone ofrece 50 gigas mensuais de tráfico, aínda que por un prezo máis elevado a menos que se teña contratada tamén unha liña móbil.