
O Partido Popular de Arzúa lamenta que, chegados xa ao mes de xuño, o goberno tripartito —formado por BNG, AXA e PSOE— siga sen presentar uns orzamentos municipais para o ano 2025, malia ter maioría absoluta no pleno. Dende o grupo popular lembran que esta situación non é nova: en todo o que vai de mandato, non foron quen de aprobar ningún orzamento, nin en 2024 nin no que levamos de 2025.
O voceiro municipal do PP, Rafael Rivadulla, considera “inadmisible que a metade do ano estea a piques de pasar sen que o goberno local teña definido un proxecto económico para o municipio”. Rivadulla lembra que o tripartito xa asegurara a finais de 2024 que presentaría uns orzamentos para 2025 “proximamente”, pero pasaron os meses e seguimos igual: “con promesas incumpridas e con Arzúa paralizada”.
Desde o PP tamén se critica a xestión económica do executivo municipal. As contas de 2023, as últimas aprobadas, tiveron un nivel de execución do gasto do 67%, unha cifra inferior á do ano anterior, cando se situaba no 73%. Entre as comarcas de Arzúa e Melide, o concello de Arzúa é o penúltimo en execución, tan só por enriba de Touro, cun 64%, moi distantes de Boimorto, o de mellor execución, cun 86%. Para Rivadulla, “estes datos deixan claro que non só non presentan orzamentos, senón que cando os teñen, apenas os executan. Non gastan en servizos, non impulsan proxectos e os veciños non perciben que se estea a facer nada”.
O grupo popular considera que o tripartito está máis centrado en manter equilibrios internos ca en gobernar con eficacia, e insta ao alcalde e ao seu equipo a que dean explicacións e presenten xa uns orzamentos realistas, executables e que respondan ás necesidades reais da veciñanza de Arzúa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.