Thursday 19 de June de 2025

Arrinca a montaxe da falla de San Xoán a menos dunha semana da celebración da Noite Meiga na Coruña


O dispositivo de transporte público amplíase coa liña 24, que tamén operará desde a praza de Pontevedra

Este mércores comezan os traballos de montaxe da falla do San Xoán 2025, que será prendida na medianoite do 23 de xuño na praia de Riazor, como é tradición. Durante os próximos días, as persoas responsables da súa elaboración compoñerán os diferentes elementos deste monumento efémero.

Este ano un gran polbo presidirá xunto a unha meiga a falla. Tamén haberá homenaxes a varios fitos deste último ano, como o Premio Nacional das Letras Españolas do escritor coruñés Manuel Rivas, o ascenso do OAR Coruña de balonmán ou o recoñecemento ás cantareiras no Día das Letras Galegas. Non faltarán elementos emblemáticos da cidade como a Torre de Hércules.

O Goberno de Inés Rey prepara para o lunes 23 un dispositivo de seguridade e limpeza de arredor de 1.000 persoas para garantir o correcto desenvolvemento dunha celebración declarada Festa de Interese Turístico Internacional e que reúne cada ano a máis de 150.000 persoas na contorna das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro. Este ano, ademais, haberá dúas actuacións musicais na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor: La Guardia (ás 0.20 horas) e Hey Kid (ás 1.50 horas).

Por outra banda, xa está en marcha a programación da Ruada das Xoubas, que permitirá aos barrios gozar de artes escénicas para todos os públicos nestas xornadas previas ao San Xoán. Con respecto á programación anunciada previamente, engádese unha nova actuación no barrio de Novo Mesoiro, que será este venres 20 ás 19.00 horas. Trátase da obra ‘Os senteito’ de Caramuxo Teatro.

Ampliado o dispositivo especial de transporte

Por outra banda, este ano o Goberno de Inés Rey acordou ampliar o dispositivo especial de transporte público que opera cada ano con saídas e chegadas desde a praza de Pontevedra, engadindo a liña 24 ás oito iniciais, dando unha maior cobertura aos barrios de cara a poder empregar este medio de transporte para chegar aos principais puntos da celebración do San Xoán.

O día 23 establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en nove liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10-15 minutos ata as 02.30 horas. O servizo nocturno estará operativo entre as 03.00 e as 06.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. As liñas que estarán dispoñibles durante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 3A (circular entre a Cidade Vella e Monte Alto), 6, 7, 11, 21 e 24.

Ademais, o servizo nocturno, con saídas cada media hora, seguirá o seu itinerario habitual. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.

Cortes de tráfico na contorna do paseo marítimo

Por outra banda, desde a Policía Local e a área de Seguridade Cidadá xa se estableceu a distribución dos puntos de corte de tráfico na contorna das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro. Efectuaranse a partir das 19.00 horas, salvo que fose necesario adiantalos en función da afluencia de persoas nestes espazos.

Non estará permitido o estacionamento na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, así como na avenida Pedro Barrié de la Maza, nos horarios establecidos na sinalización que se disporá nestes espazos nos próximos días. En caso de ser necesario, poderase ampliar a zona de afección con cortes de tráfico cara o paseo de Rolda e San Roque de Afora e a rúa Matadoiro.

Os cortes de tráfico efectuaránse nas rúas Curros Enríquez con Zalaeta e Barrié de la Maza, Hospital con Zalaeta e Barrié de la Maza, Barrié de lla Maza con Rúa Alta, Rexedor Somoza con Comandante Fontanes, Alfredo Vicenti con Pondal, praza de Portugal con Alfredo Vicenti, avenida da Habana con praza de Portugal e a glorieta das Escravas.

Deja un comentario