Thursday 19 de June de 2025

López Campos enxalza o valor do audiovisual para potenciar a creatividade, e en galego do alumnado


— Salienta que o audiovisual é unha “ferramenta con grandes posibilidades” da que a Xunta está a tirar proveito para aumentar o prestixio e o emprego da nosa lingua

— As 35 curtametraxes presentadas polos 29 centros participantes poderán visualizarse na canle Xabarín da Compañía de Radio-Televisión de Galicia

— Os colexios galardoados son o Xesús Golmar, de Lalín; o Xosé Manuel Folla Respino, de Vilarmartín de Valdeorras; o Alfonso Rodríguez Castelao, de Vigo; o Espiñeira- Aldán, de Cangas; o Emilia Pardo Bazán, da Coruña, e o Santo André de Xeve de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe o valor do audiovisual como “unha ferramenta con grandes posibilidades para potenciar a creatividade, e en galego, entre os escolares da Comunidade”. Así o valorou na entrega dos premios ás mellores curtametraxes de animación do concurso Nós tamén creamos! 2024-2025, no Centro Galego de Arte Contemporánea.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o conselleiro gabou a “gran calidade” dos proxectos presentados na décima terceira edición de Nós tamén creamos!, na que participaron 29 centros de educación Primaria de toda Galicia, que presentaron un total de 35 curtametraxes. O concurso volveu contar coa colaboración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQO editora, xa que a rapazada de entre 3 e 11 anos realiza adaptacións audiovisuais coa técnica de stop-motion dos seus álbums ilustrados.
O máximo responsable de Lingua do Goberno galego salientou o papel deste certame entre os escolares ao permitirlles “crear e divertirse a través da literatura, do audiovisual e do galego”. Deste xeito, apuntou que con este tipo de iniciativas non só se estimulan a lectura e o talento artístico da cativada, senón que “propician o incremento e a presenza do galego nos seus ámbitos de lecer, nos que estamos a traballar intensamente en materia de lingua”, aseverou.
Finalmente, López Campos felicitou os pequenos e pequenas participantes, aos que lles gabou a “calidade creativa, arriscada e valente” e que considerou o “exemplo do espírito do sector cultural galego”, do que salientou o “bo momento” que está atravesando, “tal e como reflicte que supoña o 3 % do Produto Interior Bruto galego”.
As curtametraxes gañadoras
En total, nesta edición de Nós tamén creamos! galardoáronse seis centros educativos de Primaria xa que, en dúas das catro categorías existentes, a calidade dos traballos presentados propiciou que se lles concedesen accésits.
Deste xeito, o primeiro galardón da categoría de 2º ciclo de educación Infantil foi para o proxecto Árbores no camiño, do colexio Xesús Golmar, de Lalín (Pontevedra) e déuselle un accésit a O avó de Zulaimar, do Xosé Manuel Folla Respino, de Vilamartín de Valdeorras (Ourense).
O premio para 1º e 2º de educación Primaria foi parar ao audiovisual Valentina, do centro Alfonso Rodríguez Castelao, de Vigo (Pontevedra). Nesta categoría, tamén se decidiu entregar un accésit ao audiovisual Coas mans baleiras, do colexio da Espiñeira-Aldán, de Cangas (Pontevedra).
Na categoría de 3º e 4º de educación Primaria, o primeiro premio recaeu en Navega, caracol, da escola Emilia Pardo Bazán, na Coruña, mentres que o máximo premio na distinción de 5º e 6ª de Primaria foi para o colexio Santo André de Xeve, en Pontevedra, pola adaptación a curtametraxe do album ilustrado O avó Zulaimar.
Todas as curtas premiadas e as do resto dos centros escolares participantes poderanse visualizar no Portal da Lingua Galega, na súa canle de Youtube e, ademais, na sección infantil e na aplicación Xabarín da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

Deja un comentario