
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da saída a concurso dos traballos, que darán resposta a unha das principais demandas do distrito desde hai máis de 15 anos
Ademais, inícianse os trámites para contratar as obras de urbanización da praza José María Hernansáez. O Concello inviste un millón de euros para transformar este espazo sen acondicionar nun novo punto de convivencia
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a saída a concurso das obras de rehabilitación do antigo mercado de Santa Lucía, unha actuación que suporá un investimento total de 10,3 millóns de euros e que aparella a construción dun novo centro de saúde e dun centro cívico, entre outros equipamentos públicos.
O inicio dos trámites para contratar os traballos permítelle ao Concello avanzar na consecución dun dos principais obxectivos marcados polo Goberno municipal para este mandato, xa que a recuperación do edificio para incluír un novo centro de saúde, é unha das principais demandas do barrio da Falperra e o Ensanche, atendendo á necesidade de buscar unha alternativa ao ambulatorio de Federico Tapia.
“Falamos dunha cuestión que se remonta a hai máis de 15 anos. Agora, cumprirémola. E construíndo non só un novo centro de saúde, senón aproveitando ao máximo un edificio que terá usos múltiples, necesarios para o barrio, como o centro cívico”, dixo Rey.
Xa a inicios deste mes, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde ao convenio de colaboración coa Xunta e, agora, tal e como se pactou coa Administración autonómica, o Concello saca a concurso as obras de rehabilitación do mercado, que tamén executará.
Desde a posta en marcha dos traballos, 18 meses para a súa execución
A alcaldesa informou esta mañá de que o prazo para presentar ofertas e optar á adxudicación das obras será de 30 días naturais desde que se publique a licitación na Plataforma de Contratación.
Fíxase un prazo de execución de 18 meses desde a posta en marcha dos traballos, “e a nosa intención é que se inicien antes de que remate o ano”, avanzou Rey, que lembrou que esta intervención “suporá o investimento máis elevado na Falperra en décadas”.
Neste sentido, o Concello conseguiu tres millóns de euros en fondos europeos PIREP para cofinanciar as actuacións previstas coa Xunta.
“O diálogo e a colaboración interadministrativa permitíronnos chegarmos ata aquí, porque entendemos que a rehabilitación de Santa Lucía e a construción do novo centro de saúde son unha cuestión de primeira necesidade que se demorou en mandatos pasados, baixo Gobernos de distintos signos políticos, e que non podía agardar máis”, apuntou Inés Rey.
Máis de 1,8 millóns para investimentos de mellora nos barrios
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licitación das obras de urbanización da praza José María Hernansáez, no barrio do Castrillón, onde se levará a cabo un investimento de máis dun millón de euros para transformar un espazo degradado e sen acondicionar nun novo punto de encontro e convivencia.
A alcaldesa lembrou que o proxecto de remodelación se lle presentou en marzo deste ano á veciñanza do barrio e agora, tras atender as achegas e suxestións das persoas residentes, avanza xa cara á fase de execución.
Desta forma, José María Hernansáez pasará a estar configurada como unha praza peonil que contará con novas sendas e zonas de lecer accesibles. Reorganizaranse as áreas verdes e renovarase a rede de recollida de augas. Ademais, reforzarase a seguridade viaria na contorna e melloraranse os accesos aos vehículos de emerxencias.
“Estamos comprometidos con revitalizar os barrios da Coruña, para responder ás súas necesidades e, como neste caso, a demandas que se remontan moi atrás no tempo, tras anos e anos de desleixo. Apostamos polo diálogo e a transparencia, falando cara a cara coa veciñanza, informándoa ao detalle e escoitando as súas achegas”, explicou Rey.
O proxecto definitivo para acondicionar o Camiño do Cura, aprobado
Nesta liña de acción para responder a demandas históricas dos barrios contextualízase tamén a aprobación definitiva do proxecto necesario para iniciar o acondicionamento e mellorar a accesibilidade do Camiño do Cura, no barrio dos Rosales.
Os trámites para iniciar as obras aceléranse agora tras a aprobación provisional do POS 2025 da Deputación da Coruña, á que o Concello lle solicitou fondos en febreiro para cofinanciar os traballos. O investimento total, de 534.000 euros, permitirá conectar adecuadamente as rúas Simón Bolívar e Alfonso Rodríguez Castelao a través do Camiño do Cura, onde se habilitará un novo percorrido peonil accesible, modernizarase a rede de pluviais e renovarase a rede de iluminación pública.
Avanza o plan para mellorar as infraestruturas da Urbanización Breogán
Ademais, hoxe aprobouse a saída a concurso das obras de construción dunha nova rede para a recollida de augas pluviais nas rúas Vicente Vázquez Queipo e Isidro Parga Pondal, na Urbanización Breogán, unha medida necesaria para avanzar no reforzo e mellora das infraestruturas municipais no núcleo residencial da Urbanización Breogán.
Para financiar os traballos, o Concello contará coas achegas da Deputación a través do POS, igual que no caso do Camiño do Cura.
A alcaldesa lembrou que, paso a paso, vanse cumprindo as necesidades da zona, “onde rematamos a remodelación da rede de recollida de augas pluviais na rúa Félix Rodríguez de la Fuente. Ademais, como informamos a mediados de maio, están en fase de licitación as obras de construción da nova pista multideporte, concibida para a práctica de baloncesto, fútbol e voleibol.
Será a primeira instalación deportiva pública da Urbanización Breogán”. Este novo equipamento, que será ao aire libre, estará nunha parcela municipal situada na rúa Antonio Casares Rodríguez.
Os antigos bloques abandonados de Epamar, en Palavea, rehabilitaranse
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno Local desta mañá fíxose balance das licenzas e permisos autorizados pola Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda na primeira quincena deste mes de xuño.
Entre os expedientes destacados figura a licenza para construír un novo bloque residencial no barrio de Xuxán. Localizado entre a rúa Alberto Martí e a avenida de Xuxán, contará con 30 vivendas e 60 prazas de estacionamento.
Ademais, outorgouse licenza para rehabilitar os bloques residenciais abandonados que están situados a carón da praza Padre Busto no barrio de Palavea. Os edificios foron, orixinariamente, dunha promotora que, coa súa quebra, os deixou en estado de abandono. Posteriormente, quedaron en mans da Sareb e, agora, dunha nova empresa que proxecta ofertar 55 pisos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.