
— O Executivo galego salienta a transcendencia de contar con datos rigorosos froito da realización de accións ben planificadas, coa colaboración dos distintos axentes implicados, así como unha correcta toma de mostras cando é preciso
— A esta acción formativa, na que participan máis de 60 profesionais da Coruña, Ourense e Pontevedra, seguiralle outra para persoal da provincia de Lugo
— A conselleira pon en valor os máis de 30 anos de traxectoria do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, un referente nacional e internacional en materia de investigación, vixilancia ambiental e loita contra o cambio climático
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, clausurou hoxe a I Xornada de formación para axentes ambientais e gardas de recursos naturais de Galicia onde destacou a importancia deste tipo de actividades co fin de optimizar tanto o labor do persoal que traballa a pé de campo na protección do medio ambiente como os seus resultados.
A responsable autonómica salientou que se trata de accións que van máis aló do eido formativo e que buscan avanzar cara a unha xestión ambiental cada vez máis profesional, coordinada e eficaz que redunde nunha axeitada protección do medio natural da comunidade. Neste sentido, apuntou á transcendencia de contar con datos rigorosos froito da realización de accións ben planificadas, coa colaboración dos distintos axentes implicados, así como unha correcta toma de mostras cando é preciso.
De feito a xornada formativa -na que participaron máis de 60 profesionais das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra e á que seguirá proximamente outra para axentes de Lugo- centrouse principalmente na optimización dos procesos de toma de mostras e análises químicas ou biolóxicas co obxectivo de mellorar a calidade dos resultados que se usan para a toma de decisións técnicas sobre posibles actuacións.
Neste sentido, os profesionais participantes afondaron en cuestións como a relevancia de utilizar os envases adecuados, a importancia dun axeitado transporte e conservación das mostras, a documentación da cadea de custodia, a información relevante que se debe coñecer sobre os elementos recollidos ou os apartados que debe incluír un informe de resultados para que poidan ser interpretados correctamente.
Nesta liña, a conselleira, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, subliñou que se trata dun asunto clave para o desenvolvemento dun traballo técnico rigoroso no que se sustenta a toma de decisións de protección ambiental. Ao mesmo tempo, incidiu, este tipo de xornadas contribúen a mellorar a coordinación entre o persoal que traballa sobre o terreo e os profesionais encargados de analizar as mostras en laboratorio, o que fai que o sistema de vixilancia ambiental funcione como unha máquina perfectamente engraxada.
Ángeles Vázquez tamén aproveitou para poñer en valor os máis de 30 anos de traxectoria do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, un referente nacional e internacional en materia de investigación, vixilancia ambiental e loita contra o cambio climático. O seu papel, indicou, contribúe a protexer e conservar o estado dos montes, ríos, solos, augas e ecosistemas de Galicia, velando así pola riqueza natural da comunidade e pola súa biodiversidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.