
O colexio ferrolán La Salle elixiu os espazos verdes da Cortiña, en San Sadurniño, como destino da excursión de fin de curso que realizaron o venres pasado. 46 nenas e nenos visitaron na compaña das súas mestras os lugares situados á beira do Xubia, onde aprenderon xogando co programa municipal de educación en sostenibilidade Terra de Vida, organizado polas áreas de Desenvolvemento local e Axenda 2030 co apoio técnico da cooperativa Rexenerando.
Unha das primeiras paradas da rapazada foi a Horta de froiteiras Carlos Fornos -xestionada coa colaboración da AGFA do Eume- para coñecer como se están preservando e poñendo en valor castes do país de mazá, cereixas, pexegos, peras e outros froitos. Ademais, tamén souberon da importancia das abellas para a polinización das árbores e mesmo puideron probar o mel do colmear didáctico situado nunha esquina da plantación, mantido pola Asociación Casa do Mel .
As nenas e nenos pasárono moi ben descubrindo sabores e texturas… aínda que se cadra co que máis gozaron, a pesar do mal tempo, foi coa visita ao arboreto do paseo fluvial, que é unha reprodución a pequena escala dos sete tipos de bosque autóctono que temos en Galicia. Alí tamén descubriron a lenda do Pozo dos Donceis, as tradicións milenarias asociadas á Deusa Navia e os animais e criaturas fantásticas que poboan a Fraga Máxica .
O programa Terra de vida –que o Concello de San Sadurniño ten en marcha con axuda da cooperativa Rexenerando– está centrado na sensibilización e educación ambiental desde as primeiras etapas educativas, contribuíndo desta maneira a fomentar o respecto pola biodiversidade. Trátase dunha iniciativa orientada principalmente a centros de ensino, pero tamén está aberta a familias e grupos que queiran vivir unha experiencia distinta na natureza.
Para ampliar información ou facer algún dos itinerarios e obradoiros que se ofrecen, debe contactarse coas guías do proxecto en info@rexenerando.com ou no 604 033 515.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.