Thursday 19 de June de 2025

O Concello continúa coa mellora de camiños rurais


· O proxecto de asfaltado dos camiños entre a estrada N-VI e Trasdoval e en San Vitorio acaban de saír a concurso por algo máis de 50.000 euros.

· A intervención consistirá, esencialmente, na renovación do pavimento cunha capa de aglomerado asfáltico en quente.

O Concello de Bergondo sacou a licitación as obras de mellora de dous camiños rurais cun orzamento de licitación de 50.041,22 euros. A actuación permitirá mellorar significativamente a seguridade e funcionalidade destas vías, actualmente deterioradas polo paso do tempo, o uso intensivo e as condicións meteorolóxicas adversas.

A primeira actuación desenvolverase no camiño entre a estrada N-VI e o lugar de Trasdoval, unha vía que conecta cunha zona con diversas explotacións agrogandeiras. O trazado divídese en dous tramos diferenciados: un primeiro tramo de 348 metros de lonxitude cun ancho medio de 5 metros, e un segundo de 467 metros cun ancho medio de 4 metros. Esta intervención mellorará notablemente o acceso desde a estrada nacional aos núcleos rurais da contorna, resolvendo os problemas derivados do actual firme danado.

A segunda actuación terá lugar no camiño do lugar de San Vitorio, cunha lonxitude total de 143 metros e un ancho medio de 3,30 metros. Trátase dunha vía de conexión entre dous puntos da estrada provincial DP-0813, que tamén dá servizo a diversas leiras e vivendas da contorna. O seu pavimento presenta un notable desgaste que dificulta o tránsito, especialmente en condicións de choiva.

A solución proxectada para ambos os casos consiste na renovación do pavimento cunha capa de aglomerado asfáltico en quente, o que proporcionará unha maior durabilidade e resistencia ao tráfico previsto. Ademais, acometeranse traballos de limpeza e perfilado de cunetas, roza de marxes, recalce de tapas e sinalización horizontal con marcas viarias reflectoras en ambos os lados da calzada.

A maior parte desta actuación está financiada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a través dunha liña de axudas á que cada ano acode o Concello de Bergondo buscando proxectos que se adapten aos requisitos esixidos para poder ser subvencionados.

Deja un comentario