
A Concellería de Deportes de Fene organiza un ano máis o Campamento Lúdico-Deportivo dirixido a nenos/as nados/as entre os anos 2013 e 2020. Desenvolverase nas instalacións do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene do 4 ao 14 de agosto en horario de 10.00 a 14.00 horas aínda que, novamente, se ofrece opcionalmente o servizo de madrugadores con entrada de 9.00 a 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas. Este ano, como novidade, as inscricións realizaranse co sistema de cita previa e dando preferencia á poboación local ou escolarizada no concello.
Así, do 20 ao 24 de xuño poderán solicitar cita previa por teléfono (981 340 366) ou nas oficinas do Departamento de Deportes (Avda. Naturais, 44, entrechán) as persoas empadroadas ou escolarizadas en Fene no curso 2024-25. E do 25 ao 27 de xuño, a poboación en xeral. Námbolos dous casos, o horario de atención para a solicitude de citas será de 9.00 a 14.00 horas. E a matriculación realizarase a partir do 1 de xullo.
O Campamento Lúdico-Deportivo ten como obxectivo principal que os nenos/as gocen do verán xogando e practicando deporte ao aire libre. Trátase dunha actividade con pernocta voluntaria (cea, velada nocturna e almorzo do día seguinte) o último día do campamento, na noite do 13 ao 14 de agosto.
As prazas son limitadas (30) e o custo da actividade ascende a 28,20€ (só campamento), aplicándose a partir do segundo membro da unidade familiar empadroado/a en Fene unha cota reducida de 22,56€. No caso de solicitar o servizo de madrugadores xunto co campamento, o prezo ascende a 34.45€. E, a partir do segundo membro da unidade familiar empadroado/a en Fene, a cota será de 27,56€.
Tamén informan desde a Concellería de Deportes de que, no caso de estar en situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade nos termos establecidos no artigo 4 da Ordenanza Fiscal núm.2.
O primeiro día do campamento, 15 minutos antes do comezo, haberá unha reunión do monitorado cos pais/nais ou titores/as legais dos/as nenos/as para explicarlles o funcionamento do mesmo.
E para os participantes, lémbrase que deberán acudir con roupa cómoda e deportiva, bañador xa posto da casa, unha muda de roupa interior, toalla, chanclas, gorra, manguitos xa preparados da casa, merenda e auga.
Máis información na Concellería de Deportes de Fene, en Avda. Naturais, 44, entrechán, ou no teléfono 981 340 366.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.