Wednesday 18 de June de 2025

A licitación a obra de rehabilitación enerxética do centro social de Santa Marta


· O proxecto sae de novo a concurso por case 134.000 euros e busca mellorar o confort sen alterar nin o seu uso nin a súa estética.

O Concello de Bergondo iniciou de novo o proceso de licitación do proxecto de rehabilitación enerxética do centro social de Santa Marta, cun orzamento de 133.849,32 euros. A actuación, concibida con criterios de sustentabilidade e eficiencia, busca mellorar o confort interior e a funcionalidade do edificio, sen alterar o seu uso, distribución interior nin estética tradicional.

Esta é a segunda vez que esta obra sae a concurso, pois, na primeira ocasión, quedou deserto por falta de empresas adxudicatarias.

O proxecto contempla unha intervención completa que abarca tanto o interior como o exterior do inmoble. No interior, levará a cabo unha mellora da envolvente térmica mediante trasdosados e illamento polo interior, incluíndo a instalación de dobre carpintería interior. Na planta bajocubierta, este novo trasdosado conectarase co existente na cuberta para garantir unha maior continuidade e confort térmico.

Na zona de escaleiras, entre planta baixa e primeira, picarase a pedra para permitir a integración do novo illamento sen reducir o ancho útil do paso. Tamén se procederá á renovación completa do chan, que incluirá impermeabilización, illamento, recrecido e a colocación dun novo pavimento, incorporando ademais unha cámara ventilada que contribuirá a evitar problemas de humidade por capilaridade e ofrecerá protección fronte ao gas radon. Ademais, actualizaranse as instalacións de electricidade e calefacción, optimizando a súa eficiencia.

No exterior do edificio, o proxecto contempla o retejado completo da cuberta e a substitución de canlóns e bajantes. Habilitarase unha nova zona de drenaxe, retirando as pedras actuais para repoñelas sobre unha base de grava, sen xunta, salvo na zona de paso fronte á porta traseira, onde se manterá para facilitar o tránsito. Incorporaranse tamén novos puntos de iluminación exterior e construirase unha celosía que permitirá integrar visualmente a unidade exterior do sistema de aerotermia e a toma de auga.

O deseño da intervención prioriza solucións sobrias, funcionais e de baixo mantemento, adaptadas ao contexto rural de Santa Marta. Trátase dunha actuación respectuosa, accesible e sen discriminación de uso, que mellorará significativamente as condicións do edificio para seguir prestando servizo como espazo de encontro veciñal.

Deja un comentario