Tuesday 17 de June de 2025

Atlántica en Ribeira. Festival Internacional de Narración Oral 2025


O Festival Atlántica vén de presentar este martes, 17 de xuño, o programa completo da súa décimo terceira edición, que se vai celebrar entre o 28 de xuño e o 6 de xullo. Na rolda de prensa participaron Anxo Lorenzo, director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao evento numerosos representantes de concellos do festival, como no caso de Ribeira que estivo representada por a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla.

Na súa quenda, Míriam Louzao amosou a súa ledicia pola nova edición do festival que acollerá 51 artista aos que describiu como “alquimistas da palabra que nos amosarán como empregala para imaxinar outros mundos posibles, para exorcizar as dores e construír espazos seguros onde gorecernos fronte o balbordo e o caos, fronte aos discursos totalitaristas que, cada vez máis, nos arrodean”. Pola súa banda, Anxo Lorenzo vinculou directamente o labor do festival coa “Galicia que leva moito tempo, cultivando, mantendo e transmitindo unha maneira de comunicar a través da narración oral” e falou dunha “tradición non fosilizada, un ben cultural plenamente vivo”. Xosé Penas non dubidou en incluír Atlántica entre os “festivais únicos, singulares e exclusivos que temos que considerar parte de noso patrimonio” e que é, ademais, “capaz de transcender as fronteiras para converterse nun referente do país”.

Na súa intervención Felloza compartiu coa audiencia a necesidade de “pensar e repensar o futuro da narración oral e das novas formas desta arte” nunha sociedade galega cada vez máis urbana. “Como incluír ás novas xeracións na arte de contar historias?”, preguntou a directora do festival. “É imperativo achegala ás novas xeracións e garantir a súa continuidade como parte activa da cultura contemporánea galega” e para logralo, Atlántica 2025 desenvolverá as seguintes propostas nesta edición.

A primeira, a celebración de sesións mixtas interxeracionais nas que artistas sobranceiros compartirán escenario con novos talentos que, en moitos casos, contarán nun festival profesional por primeira vez. Estas sesións combinadas —como as de Dani Lago e a escocesa Inés Álvarez, Aída Cobas con Miguel Gouveia de Portugal e Carmen Conde ou Nuria Vázquez e a valenciana Paula Carbonell— buscan crear espazos reais para dar a alternativa ás novas voces da narración oral.

Outra vía de traballo son proxectos como o recente Mapa de Seres Máxicos do Reino de Galicia, con guión de Manuel Gago e ilustracións de Leandro Lamas.
Un proxecto para todos os públicos, divulgativo e visual que da conta da riqueza e diversidade da tradición oral galega a través de 34 seres máxicos.
Deseñado para ser contado e reimaxinado en familia, o mapa axuda a manter viva esa parte do patrimonio inmaterial galego, contribuíndo a evitar a súa desaparición pero tamén a atopar un oco na nosa nova sociedade.

Ademais, por primeira vez, o festival establece acordos coas universidades galegas para impulsar accións formativas e abrir espazos de formación artística e de xestión cultural arredor da narración oral. Unha colaboración que se engade ás que xa mantén con máis de 30 entidades culturais e museos, tecendo unha rede de sinerxías que reforzan o vínculo co territorio e coas súas comunidades.

Atlántica en Ribeira

Este ano 2025 o Festival Atlántica desembarca en Couso e na Corna, de Penisqueira a Palmeira. Rivadulla anunciou que o día 4 de xullo Celso Sanmartín, “o benquerido amigo de Quico Cadaval, contará historias ao carón do lavadoiro de Penisqueira, co bater do mar de fóra como fondo”, e tamén anunciou que o día 5 a palabra galega de Aída Cobas “mesturarase coa fala portuguesa de Miguel Gouveia no piñeiral da Corna, a proximidade das dúas linguas irmás que o mar acolle e mestura”.
· Venres 4 de xullo 21.00 h.
“As voltas dos contos”, Celso Fernández Sanmartín (Galicia)
Lavadoiro de Penisqueira. Público adulto (galego)
· Sábado 5 de xullo 21.00 h.
“Venme ao bico un conto”, Aída Cobas (Galicia) e Miguel Gouveia (Portugal)
Piñeiral da Corna (Palmeira). Público adulto (portugués e galego)

Por riba de todo, historias

Mais alén destas liñas de acción a prol da tradición oral, Atlántica segue a defender o seu destacado lugar no mundo dos festivais da narración oral grazas a unha programación sólida onde collen historias para todas e todos. As 80 funcións programadas inclúen estreas absolutas como Fare le corna do italiano Simone Negrin, un espectáculo creado ex profeso para botar lonxe a mala sorte nesta edición número 13, as esperadas Novas historias do filandar do zamorano ‘Don Guti’, o Contara de Celso Fernández Sanmartín e Memorias do lume, un exercicio de autonarración da propia Soledad Felloza.

O festival trae tamén historias que se escoitarán por primeira vez no estado español como as de Inés Álvarez, una asturiana asentada desde hai máis de dúas décadas en Escocia e integrante do Scottish Storytelling Forum, ou as do portugués Miguel Gouveia. Todo isto sen esquecer as estreas en Galicia, caracterizadas pola súa variedade: a mestura de poesía e robótica que destilan os Artiloxios do aragonés Oswaldo Pai, o bo facer cos máis pequechos da valenciana Paula Carbonell, o sotaque isleño que regalan as canarias Loreto Socorro e Laura Escuela e as emociones agochadas nas Historias de ida e volta de Larraitz Urruzola.

A alquimia dos contos

Volven nesta edición as fórmulas gañadoras de anos previos e que demostraron que todo mellora cos contos. Son bos exemplos os roteiros, que xa chegan a cinco concellos e que saen dos espazos urbanos (Rótulas urbanas con Elvira Carregado en Ourense ou Ferrol na historia con Margarita Sánchez) para pasear por castros (como o das Barreiras de Vimianzo con Tito Concheiro), petróglifos (os de Bouza Badín de Dodro con Manuel Santos Estévez) e mesmo montan en barco para visitar a ría de Ferrol (O porto ilustrado con Guillermo Llorca).

A arxentina Carolina Arabia, autora do exitoso De cantos y animales, serán tamén quen de amosar o poder alquímico das historias na transmisión do coñecemento, ao igual que o antropólogo Rafa Quintía (No país das cousas marabillosas, coas caldupeiras da A.V. Porto do Cabo).

Castelao: homenaxe ao narrador

Como novidade, nesta edición, Atlántica rende homenaxe a Castelao no 75 aniversario do seu pasamento, recoñecendo o seu papel clave na recuperación da cultura galega e o seu talento como narrador de historias. As testemuñas orais lembran a súa capacidade para emocionar co verbo, co conto breve e coa palabra viva. Atlántica quere celebrar tamén ese Castelao contador.

Esta reivindicación materializarase en dúas actividades, a primeira, unha lectura pública da obra de Castelao aberta á cidadanía no Panteón de Galegos Ilustres (Como dicía Castelao, 1 de xullo, 11.30-20.30 h,) que terá un peche festivo cun concerto das Bouba Pandeireteiras (1 de xullo, 21 h, CSC Maruxa e Coralia). E a segunda, un roteiro narrado polas rúas de Santiago da man de Quico Cadaval e mais Carme Varela que rememorará os nove anos de Castelao na cidade (A pegada de Castelao, 3 de xullo).

Quentando motores con Atlántica Miúdo

Como en anos anteriores, o Atlántica Miúdo opera como o a inauguración oficiosa do festival levando as historias ata as escolas nos últimos días do curso. Así, desde o 13 de xuño estase a desenvolver un programa especial concibido para alumnado de centros de Ordes, Brión e Pazos de Borbén.

Tamén están previstas funcións nas bibliotecas públicas de Santiago e Vigo e mais no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). E, por suposto, durante as datas oficiais do festival, Atlántica inclúe unha grande oferta para a cativada e as súas familias que se pode consultar, co resto da programación, na web festivalatlantica.gal.

O XIII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, Pazos de Borbén, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Vilalba Vimianzo e a Fundación Pública Camilo José Cela.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

Deja un comentario