
Poderá visitarse na praza do alcalde Ramón J. Souto González até o 29 de xuño
Concello e Deputación destacan o compromiso coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas
A exposición itinerante da Deputación da Coruña “Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión” xa está en Fene. Poderá visitarse ata o 29 de xuño na praza do alcalde Ramón J. Souto González, onde se inaugurou esta mañá nun acto no que participaron as deputadas de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, e de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, ás que acompañaron a alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá.
“Esta é unha exposición de rúa”, dixo Agra na súa intervención, “que permite unha achega á Memoria Histórica desde o espazo común, habitual e amable polo que camiñamos, paseamos, mercamos e desenvolvemos a nosa vida no día a día”. “Un espazo público”, engadiu, “que ademais de acollernos nos informa e dá pé a reflexión e o debate, arredor do que nestes paneis se representa: desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia”.
A titular de Igualdade reafirmou o compromiso do seu departamento “coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas; tanto mulleres senlleiras como María Casares, coma outras menos coñecidas, caso das mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo; así coma coa difusión de loitas colectivas da época, entre elas a das cigarreiras coruñesas ou motín do arsenal de Ferrol”.
Para Agra, “é un orgullo iniciar o percorrido desta exposición en Fene e falar da historia das mulleres nun concello que acaba de facer historia por ter, por primeira vez, unha alcaldesa”. A deputada deulle os parabéns “á compañeira Sandra Permuy, que seguirá co magnífico traballo que Tino Trigo e a súa equipa estiveron desenvolvendo estes anos”.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, fixo un chamamento á veciñanza, ás entidades sociais e culturais e ao tecido asociativo do concello a achegarse á mostra, “porque recupera unha parte da nosa historia que foi silenciada durante décadas e que cómpre visibilizar”. Destacou tamén “a emoción de ver reflectida nesta exposición a veciña da Fraga Olimpia Barcia, que vén de cumprir 103 anos e que representa a forza e a dignidade de tantas mulleres galegas que fixeron país desde o traballo, a resistencia e o compromiso”.
A exposición
“Sinaladas” é unha proposta que o departamento de Cultura da Deputación puxo en marcha en 2023 co obxectivo de divulgar a figura de mulleres e dos movementos activistas femininos para ofrecer unha visión global da súa memoria durante cen anos de historia, desde finais do século XIX ata o remate do século XX.
Artellada en 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes que contan a historia de 540 mulleres, “Sinaladas” está dividida en trece estruturas. A primeira é de presentación e as doce seguintes de contidos divididos por temáticas. Os catro primeiros céntranse na época anterior a xullo de 1936 e nas consecuencias que padeceron as pioneiras pola súa loita. Os catro seguintes, no período comprendido entre o golpe de Estado e a disolución da guerrilla. E os catro últimos no mantemento da represión contra as mulleres despois do 36, da posguerra e mesmo da morte do ditador, así como na permanencia da súa loita, imprescindíbel na consecución da democracia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.