Tuesday 17 de June de 2025

Máis de 270 persoas participan no acto de clausura das Escolas Deportivas Municipais de Frades, case o dobre que no curso anterior


Máis de 270 nenos, nenas e persoas adultas participaron nas exhibicións da festa de clausura das Escolas Deportivas Municipais de Frades 2024/2025, un acto que tivo lugar este sábado no polideportivo municipal de Ponte Carreira. Unhas demostracións que remataron coa tradicional entrega de diplomas por parte do alcalde, Roberto Rey, e do concelleiro de Deportes, Juan Carlos Portos, que coincidiron en salientar a gran participación rexistrada este ano, toda vez que case se duplicaron os 140 participantes no mesmo acto do ano anterior.

Durante algo máis de dúas horas, pola pista polideportiva de Ponte Carreira actuaron os alumnos e alumnas de zumba / aeróbic (infantil e adultos), ximnasia rítmica, fútbol sala, pilates e ximnasia de mantemento (adultos) e patinaxe, mentres que os traballos da escola municipal de debuxo e pintura se encargaron de engalanar a entrada ao pavillón.

O incremento no número de participantes no acto de clausura das EDM do Concello de Frades fundaméntase nun aumento do número de participantes nas distintas actividades: 343 persoas, 211 maiores e 132 crianzas. A modalidade estrela é a de pilates, pois conta con 111 participantes, con quendas dobres no centro sociocomunitario de Ponte Carreira, no pavillón municipal de Abellá e no multiúsos de Frades, así como nas parroquias de Añá e Galegos.

Deja un comentario