Tuesday 17 de June de 2025

Unha sesión en liña mostraranos este xoves como transformar ideas en proxectos emprendedores viables


Novo obradoiro da Comunidade de Innovación Rural promovida por Implicatum en San Sadurniño

 

A consultora Implicatum organiza para este xoves 19 de xuño a xornada de formación en liña “Modelo de negocio: da idea ao plan”. A sesión, que se desenvolverá entre as 09:30 e as 13:00h, vai dirixida a quen queira converter unha idea nun proxecto empresarial viable. A actividade, de carácter práctico e totalmente gratuíta, é unha iniciativa de acompañamento especializado para o emprendemento que se encadra no proxecto de Comunidades de Innovación Rural promovido por Implicatum con financimento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e a colaboración do Concello de San Sadurniño. As inscricións deben formalizarse a través do 664 647 540 ou do correo info@implicatum.com.

A xornada formativa, aberta a toda a veciñanza, busca ofrecer ferramentas prácticas para pasar dunha idea embrionaria a un modelo de negocio viable e adaptado ao contexto rural. Malia ser aberta, os contidos están deseñados para persoas sen experiencia previa no emprendemento, pero que anden dándolle voltas á posta en marcha de calquera iniciativa empresarial, comunitaria ou incluso persoal, xa que a metodoloxía que se vai utilizar inclúe dinámicas participativas e ferramentas sinxelas que permiten estruturar case calquera proxecto desde os primeiros pasos.

Esta acción insírese dentro do proxecto Comunidades de Innovación Rural, unha proposta impulsada pola consultora Implicatum, que ten como obxectivo activar procesos de emprendemento ligados ao territorio, aproveitando os recursos e saberes locais. O programa abrangue desde a detección de ideas ata o acompañamento personalizado, incluíndo actividades formativas coma a deste xoves, asesoramento técnico e encontros entre persoas emprendedoras.

O Concello de San Sadurniño é unha das entidades colaboradoras deste proxecto piloto, que tamén se está a desenvolver noutros municipios con características demográficas e socioeconómicas similares. Segundo explicou Implicatum a principios de maio (cando o programa botou a andar no noso concello), trátase de “crear comunidades activas arredor da innovación social e económica, conectando persoas e iniciativas que teñen interese por mellorar a vida no rural”.

Segundo comentou esta mañá a concelleira de Participación e Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, a actividade deste xoves “é unha excelente oportunidade para dar os primeiros pasos cara a consolidación dun proxecto, e tamén para entrar en contacto cunha rede de apoio que continuará ofrecendo recursos e seguimento”.

A inscrición no obradoiro, que se desenvolverá en liña, aínda está aberta e pode formalizarse enviando un correo a info@implicatum.com ou chamando ao 664 647 540.

A participación é gratuíta e non require experiencia previa, só unha idea e vontade de facela medrar. Ademais non necesariamente ten que tratarse dun proxecto empresarial, senón que tamén teñen encaixe outro tipo de iniciativas, como poden ser as actividades impulsadas por colectivos do municipio. De feito, Implicatum dedicou recentemente unha xornada a traballar con integrantes da Fusquenlla, da Asociación Brío e do programa O Lavadoiro.

O proxecto “Comunidades de Innovación Rural” busca impulsar a economía e mellorar a calidade de vida no rural a través da innovación, a colaboración e a creación de redes entre persoas e entidades. A iniciativa desenvolverase ata decembro de 2025 e está dirixida a persoas emprendedoras, empresas, persoas en procura de emprego, así como entidades públicas e privadas.

Deja un comentario