
Esta proposta, que conta co apoio do Concello, combina patrimonio, turismo e música de cámara con entrada libre
A Orquestra de Cámara Galega (OCGA) ofrecerá o xoves 20 de xuño ás 21.00 horas na Igrexa dos Dominicos o primeiro concerto do Ciclo de Concertos de Verán, un proxecto cultural que achega a música clásica aos espazos históricos máis emblemáticos da cidade da Coruña. “Desde o Goberno de Inés Rey apostamos o achegar a cultura a toda a cidadanía e facelo da man de entidades e formacións como a Orquestra de Cámara Galega supón un valor engadido”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Ao longo de máis de 30 anos, a OCGA mantivo unha sólida actividade musical, tanto dentro como fóra de Galicia. Fundada e dirixida polo violinista Rogelio Groba Otero, a orquestra inaugurará o ciclo cun programa que inclúe a ‘Passacaglia’ de Haendel–Aslamazyan, a ‘Suite Holberg’ de Grieg, o ‘Divertimento’ de Rogelio Groba Otero e as ‘Catro Bagatelas’ de Rogelio Groba, exemplos do compromiso da formación coa música galega contemporánea.
O Ciclo de Concertos de Verán aposta pola excelencia artística, a accesibilidade e a posta en valor do patrimonio arquitectónico da cidade. Celebrarase en catro enclaves históricos: a Igrexa dos Dominicos, a Igrexa das Capuchinas, o Paraninfo da Universidade e Afundación. Todos os concertos serán de acceso libre ata completar aforo.
O ciclo contará coa participación de intérpretes de prestixio internacional como Pierre Hantaï (clave), Nicolás Varela Irvine (piano) e o Ensemble Groba, ademais da propia OCGA.
Este proxecto conta co patrocinio do Concello da Coruña. A Orquestra de Cámara Galega continúa así o seu labor de achegar a música clásica a novos públicos, co obxectivo de enriquecer a vida cultural da cidade e fomentar o turismo cultural.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.