
Couce asegurou a medios e veciñanza que o Concello actuaba “por cuestións de seguridade” e seguindo un informe técnico municipal que non existe
O contrato das talas adxudicouse o día da concentración veciñal do pasado mércores, cando máis da meirande parte das árbores xa foran taladas
O BNG reclámalle a Couce que asuma responsabilidades ante unhas prácticas inadmisíbeis e irregulares, e que presente a súa dimisión
O BNG de Cabanas denuncia que o alcalde, Fernando Couce, mentiu deliberadamente á veciñanza, nos medios e redes sociais ao xustificar a recente tala de árbores no Piñeiral da Madalena como unha “medida de seguridade baseada nun informe técnico municipal”. A realidade, segundo puideron comprobar os nacionalistas tras unha semana sen poder acceder á documentación, é que tal informe non existe: trátase dunha simple memoria valorada encargada polo propio alcalde. “O que Couce presenta como un informe técnico é unha memoria feita por encargo para xustificar a tala que el mesmo mandou facer. Non ten tramitación previa, nin avaliación ambiental e o contido responde unicamente ás súas necesidades. Mentres presumía de seguir criterios técnicos de seguridade, xa tiña a empresa traballando sen contrato”, denuncia Iago Varela, voceiro do BNG en Cabanas.
Segundo os datos do propio expediente, o contrato foi adxudicado o mércores 11 de xuño, día da concentración veciñal contra a tala. Porén, os traballos comezaran o venres anterior e, por tanto, sen cobertura legal. “É un escándalo que se comece a executar unha actuación deste tipo sen contrato, sen notificar á administración responsable dos terreos e sen un informe técnico que avale os traballos. Aínda por riba, Couce non tivo reparos en mentir repetidamente á veciñanza e aos medios. Pedimos que asuma responsabilidades tanto políticas, por mentir publicamente á corporación e á veciñanza e por asegurar actuar por criterios técnicos cando só o facía por capricho político, como legais, por unha actuación irregular administrativamente que pode ter consecuencias.”
As mentiras do alcalde non son unha novidade, senón que, como sinalan desde o BNG, insírense nun contexto de soberbia, tics autoritarios e desprezo continuo cara á corporación e á veciñanza, con episodios como a nefasta xestión das inundacións na Madalena, a denegación de auxilio a diversos veciños durante o temporal de novembro do 23, o boicot a iniciativas veciñais que non pode controlar como a Troula da Verba, a falta de apoio aos centros educativos ou a denegación de acceso a información sen explicacións.
“Consideramos que a situación é insostible. O cargo quédalle moi grande e este último episodio é directamente inadmisible. Non pode continuar nin un minuto máis no cargo”, sentenciou Varela.
Area nin tratada nin filtrada
Ademais do episodio das talas, o BNG de Cabanas destapou estes días outra das grandes mentiras do alcalde sobre as actuacións que Augas de Galiza -co consentimento do Concello- está a realizar no Piñeiral, onde están a estender as montañas de area con restos de material de obra procedente das actuacións nos colectores.
O alcalde asegurou no pleno de finais de maio que a area vertida era filtrada “in situ” polas máquinas. Unhas afirmacións que contrastan coa aparición de pedras de dimensións considerables entre os restos de material de obra estendidos polo Piñeiral, cuxo espesor acada o medio metro nalgunhas zonas. A gravidade da actuación recae no feito de estar soterrando especies de cogomelos, orquídeas e outros organismos endémicos.