
No pleno ordinario de xuño destacarán dous nomes propios. Por unha banda, o de Evencio Ferrero, que renuncia á súa dedicación exclusiva por xubilación. O alcalde cumprirá 70 anos o 28 de xuño e a partir dese momento xa non cobrará do Concello de Carballo senón da Seguridade Social, unha situación na que tamén se atopan outros dous membros do goberno municipal: Luis Lamas e Belén Lendoiro. O segundo nome propio será o de Javier Calvelo Bellón, que presenta a súa renuncia como concelleiro do grupo municipal do Partido Popular.
O alcalde presentou hoxe, acompañado polos concelleiros Ramón Varela e Maica Ures, os asuntos do pleno, que, debido á celebración das festas patronais, adiántase para este xoves día 19 ás 09.30 horas.
Entre os asuntos que abordará a corporación figura o regulamento orgánico municipal do Concello de Carballo, que incluirá aspectos relativos aos dos grupos políticos municipais, a organización do Concello, as atribucións e delegacións da Alcaldía, a Xunta de Goberno Local, o funcionamento do pleno, a organización complementaria do Concello, documentos como actas, bandos e resolucións, o estatuto dos membros da corporación ou a participación cidadá.
Tamén figura na orde do día a modificación da ordenanza fiscal número 11, reguladora das taxas no mercado municipal, que implica unha redución da taxa que pagan os vendedores ambulantes de 0,63 a 0,27 euros por metro cadrado. “Non queremos que os prezos sexan disuasorios, senón todo o contrario, que poidan vir máis vendedores, sobre todo naquelas épocas do ano nas que se reduce a presenza de pequenos produtores porque non hai produtos da horta”, explicou Ramón Varela, concelleiro de Feiras e Mercados. Así mesmo, sinalou que esta modificación regulamentaria enmárcase no traballo que se está a levar a cabo “para acadar o selo de mercado excelente”.
Outro asunto destacado da sesión, ao que se referiu a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, é o novo contrato do servizo de axuda no fogar, por un importe próximo aos 11 millóns de euros para os próximos cinco anos, xa que cada vez hai máis necesidades que cubrir. “O ano pasado tivemos 390 usuarios e usuarias en total”, apuntou Maica Ures, quen engadiu que non se trata só da atención domiciliaria senón tamén de servizos complementarios, como psicoloxía ou salón de peiteado, e axudas técnicas, “cada vez máis necesarias”, dixo. “O que queremos é que as persoas poidan manterse nos seus domicilios, non institucionalizalas”, engadiu.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.