
O Goberno de Inés Rey promove esta iniciativa dentro da programación do Día da Bicicleta, que se celebrará este domingo 22
O paseo do Parrote conta desde hoxe coa exposición ‘Historia do ciclismo na Coruña. 1889-2025’, aberta á cidadanía ata o vindeiro 29 de xuño.
Esta iniciativa, que conta co apoio e colaboración do Goberno de Inés Rey, forma parte da programación complementaria do Día da Bicicleta, que se celebrará o vindeiro domingo 22 tras tres lustros sen facelo na cidade.
Ao acto de apertura desta mostra asistiron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. Tamén interviu no acto o presidente da Asociación Galega de Xornalistas Deportivos (Agaxorde), Alexandre Centeno.
A exposición supón un percorrido, en moitos casos descoñecido, pola historia do ciclismo na Coruña desde finais do século XIX ata a actualidade. Esta mostra, en cuxa preparación se envorcou nos últimos meses Lois Novo, o comisario da mesma, descobre personaxes e feitos inéditos ata o de agora.
Podemos falar de lugares como o Paseo de Méndez Núñez, onde se sitúa a primeira proba ciclista documentada na cidade e que data de 1889, do nacemento do club Velocipedista, das carreiras que tiñan como escenario o Corralón da Gaiteira e o Parque de Riazor ou os espectáculos sobre dúas rodas na praza de touros.
Tamén repasa os grandes corredores que tivo a sección, primeiro da Sala Calvet e, posteriormente do seu herdeiro, o Real Club Deportivo. Entre eles Juan Long, o primeiro campión co que contou a cidade, ou Delio Rodríguez e os seus irmáns, que aínda que nacidos en Ponteareas, defenderon o escudo desta entidade e dous deles chegaron a ser campións de España. Fútbol e ciclismo, que durante anos estiveron moi unidos nunha cidade en cuxo estadio municipal de Riazor chegaron a coincidir en 1959 os gañadores de Tour, Xiro e Volta.
Porque A Coruña, que viviu grandes xornadas, con dúas saídas da Volta a España incluídas, tamén sufriu traxedias, que, como non podía ser doutra maneira recolle esta exposición.
“Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por instaurar na cidadanía hábitos de vida saudables e, por iso, este Día da Bicicleta é unha boa oportunidade para aumentar o número de usuarios destes vehículos”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. Pola súa banda, Gonzalo Castro, destacou o “carácter turístico deste evento, que permitirá ás persoas visitantes participar empregando as bicicletas municipais de BiciCoruña e coñecer a cidade sobre as dúas rodas”. “Desde que no 2019 accedeu á alcaldía Inés Rey, levamos a cabo un
importante labor por facilitar o uso da bicicleta como medio de transporte sostible e saudable mediante a mellora da infraestrutura do carril bici, de máis de 50 quilómetros, e renovando por completo BiciCoruña”, indicou pola súa banda Noemí Díaz.
O domingo 22 celebrarase o Día da Bicicleta, que xa conta con máis de mil persoas inscritas.
As persoas interesadas en participar poderán apuntarse na páxina web de Agaxorde. A participación será de carácter gratuíto baixo obrigatoria inscrición e terá como punto de saída e chegada o paseo do Parrote a partir das 10.30 horas. As persoas participantes realizarán un percorrido de 12 quilómetros a través do paseo marítimo, un dos espazos máis icónicos e atractivos da cidade. Pasarán por diante da Torre de Hércules e circularán ata a contorna da cidade deportiva de Riazor.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.