O Concello considera a iniciativa de interese para potenciar esta práctica deportiva e tamén para concienciar sobre o respecto ao medio ambiente.
Aprende a Través do Surfing é unha iniciativa que se marca como obxectivo propoñer este deporte como ferramenta educativa coa finalidade de que o alumnado adquira unha cultura de surf, traballe o autocoñecemento e xere un vínculo co mar e o seu entorno para respectar os espazos naturais e o medio ambiente en xeral. É desenvolvido na Laracha pola Federación Galega de Surf e a escola Caión Surf House.
A proposta educativa inclúe a realización, en horario lectivo, dunha fase teórica nas aulas, tanto con módulos en liña como actividades vivenciais presenciais nos propios centros de ensino, e finaliza coa saída á praia de Caión para poñer en práctica o aprendido.
O Concello apostou nos últimos anos por levar esta actividade aos centros de ensino do termo municipal. Nesta edición financiouse a participación do alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Otero Pedrayo, que hoxe tiveron xornada práctica na praia de Caión, onde recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Deportes, Patricia Bello.
Por iniciativa dos propios centros de ensino tamén realizaron o programa os alumnos de 5º e 6º do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e os de todos os cursos do CEIP de Caión.
Desde o Concello da Laracha apóiase a iniciativa considerando que é unha oportunidade para que os rapaces poidan iniciarse na práctica do surf e, ao mesmo tempo, tomen conciencia da importancia de conservar os espazos acuáticos e respectar o medio ambiente.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.