“Non nos esquecemos dos que máis se comprometeron co déficit público —indicou o presidente—, dos que fixeron posible que Galicia fose a única comunidade que non acudiu ao FLA, a que menos incrementou a súa débeda pública desde o ano 2015 e a segunda que menos o fixo desde 2009”, dixo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que os empregados públicos van recibir este ano o 50% restante da paga extra de 2012 aprazada polo Goberno central. Cobrarán esta cantidade repartida entre as nóminas de abril e setembro.
A primeira metade desta paga foi aboada xa ao longo de 2015, en dous pagamentos repartidos nos meses de maio e outubro. “Non nos esquecemos dos que máis se comprometeron co déficit público —indicou o presidente—, dos que fixeron posible que Galicia fose a única comunidade que non acudiu ao FLA, a que menos incrementou a súa débeda pública desde o ano 2015 e a segunda que menos o fixo desde 2009”
“Máis de 100.000 empregados públicos recuperarán poder adquisitivo e recibirán este ano, de media, 900 euros”, dixo Feijóo, 450 en abril e 450 en setembro. Isto suporá para as arcas públicas un desembolso total de máis de 100 millóns de euros.
Complemento específico
A mellora da situación económica tamén fai posible, segundo adiantou o presidente, que se volva aboar o complemento específico das pagas extra. Era unha medida que, inicialmente, ía facerse efectiva en 2018. Porén, ter as arcas autonómicas saneadas fai posible que se adiante un ano e que este complemento volva pagarse a partir de xaneiro 2017.
O xefe do Executivo autonómico recordou todas as medidas que se impulsaron nos últimos meses para devolverlles “ás 90.000 familias que conforman os empregados públicos da Comunidade” os esforzos que fixeran durante a recesión: a oferta de emprego público máis grande da última década, concursos de traslados, unha flexibilidade laboral á que se acolleron xa máis de 7.700 persoas e novas medidas para favorecer a conciliación.