
Pablo Lago confirmou que “a creación dun espazo onde a nosa mocidade poida levar a cabo as actividades que desexen é un compromiso deste equipo de Goberno que imos cumprir. Estudaremos as posibilidades de habilitalo nunha dependencia no centro comercial”
O alcalde de Brión, Pablo Lago, acompañado polos concelleiros de Ensino, Guarina Rey, e Obras, José Antonio Vidal, mantiveron unha xuntanza cun grupo de mozos e mozas do IES de Brión, integrados na Rede Compás, quen lles trasladaron a necesidade da creación dun espazo dedicado á mocidade no municipio. Na reunión, que se celebrou no despacho da Alcaldía, a rapazada entregoulle un manifesto no que solicitan que o Concello “inicie os trámites necesarios para habilitar un Espazo Xuvenil Municipal, para isto propoñemos habilitar un espazo no Centro Comercial Montebalado para recuperar a actividade e que así sexa un lugar máis transcorrido”.
Pablo Lago confirmou que “a creación dun espazo onde a nosa mocidade poida levar a cabo as actividades que desexen é un compromiso deste equipo de Goberno e imos cumprilo. Paréceme moi razoable a vosa proposta de emprazamento e estudaremos as posibilidades de habilitalo nunha dependencia no centro comercial Montebalado”.
Tanto o alcalde como os concelleiros presentes agradeceron a proposta e salientaron a importancia de contar cunha mocidade activa e participativa. Neste sentido, Guarina Rey convidou aos mozos e mozas presentes a sumarse ás distintas canles de comunicación abertas polo Concello de Brión: “organizamos dúas reunións abertas á mocidade pero non tiveron moito éxito, polo que fomos directamente ao instituto para que ver de manter reunións periódicas cos delegados de cada curso nas que nos puideran trasladar as vosas ideas e propostas, e foi cando nos atopamos con esta iniciativa da Rede Compás, que me parece moi interesante e animamos a toda a mocidade a trasladar as súas ideas, propostas e iniciativas ao Concello”.
Pola súa banda, José Antonio Vidal aproveitou tamén poñer valor os traballos que se están levando e que se van acometer no próximo futuro para dotar á mocidade de novos espazos de ocio e para deporte. “Nestes momentos sabedes que a carón do voso instituto están en marcha as obras da ampliación do polideportivo de Pedrouzos, que poderá ser empregado para actividades deportivas, culturais e sociais. E hai uns días o alcalde asinou un convenio coa Xunta para a cesión do patio do voso IES, que imos pechar para que tamén poida ser utilizado fóra das horas lectivas”, explicou Vidal.
Así mesmo, Pablo Lago explicoulles que o Concello de Brión está tamén a tramitar a compra dunha pequena parcela na que se construirá o futuro auditorio de Brión. “Será un edificio multifuncional, pois ademais do auditorio teredes unha biblioteca intelixente, espazos para reunirvos e para desenvolver actividades culturais, sociais ou artísticas como representacións teatrais ou proxeccións de cinema”, indicou o alcalde brionés, se ben puntualizou que “trátase dun proxecto moi ambicioso e que require dunha forte inversión, polo que non é algo que poida facerse de hoxe para mañá. Pero mentres seguimos traballando nel, trataremos de habilitar ese Espazo Xuvenil Municipal que nos solicitades”.
Fóra xa do manifesto entregado ao equipo de Goberno, o alcalde convidou aos presentes a trasladar outro tipo de propostas ou necesidades detectadas no municipio. Ademais do xa mencionado auditorio para acoller actuacións como as do grupo Teatro das Maniotas, conformado por mozos e mozas do IES Brión que este ano organizou un ciclo teatral con outros IES da provincia, a mocidade trasladou a necesidade de mellorar a seguridade viaria en dúas estradas, en Liñares e Pérros. O alcalde explicoulles que ambas estradas son titularidade da Xunta de Galicia pero que o Concello, consciente desa necesidade, xa deu traslado de varias iniciativas para tratar de mellorar a seguridade viaria en ambas zonas. “A recente licitación do proxecto de renovación das luminarias de todo o municipio, que comezará a executarse en breve, permitirá mellorar o alumeado en zonas como os pasos de peóns, polo que tamén colaboraremos a mellorar a seguridade viaria nesas zonas”, confirmou Lago Sanmartín.
Rede Compás
O alumnado do IES Brión que se reuniu hoxe co equipo de Goberno municipal forma parte de Red Compás, unha iniciativa promovida pola ONG Agareso e financiada pola Unión Europea dentro da convocatoria Erasmus Plus KA154. Unha rede na que participan cinco institutos de Galicia: Illa de Ons (Bueu), Carlos Casares (Viana do Bolo), Virxe de Cela (Monfero), Pintor Colmeiro (Silleda) e Brión.
A Rede Compas busca promover o intercambio de experiencias e colaboración entre a mocidade de diferentes localidades do rural galego, co obxectivo de promover unha mocidade máis activa e comprometida, capaz de expresar as súas ideas e de crear accións de incidencia social e política. Un dos seus obxectivos é dar visibilidade ás súas propostas a través da implicación dos líderes políticos locais, como fixeron esta mañá durante a súa visita ao Concello de Brión.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.