
Durante todo o mes de xuño, a Galería da Casa do Concello de San Sadurniño acollerá unha mostra singular que conecta arte, memoria e tradición. Trátase dunha exposición de debuxos orixinais do artista Santos San Cristóbal, recollidos posteriormente en postais editadas pola imprenta Paramés. A iniciativa, impulsada por Pilar Paramés -terceira xeración do histórico taller ferrolán-, recupera ilustracións que retratan a identidade de Ferrolterra con gran detalle e sensibilidade. A mostra forma parte dun proxecto máis amplo que quere devolverlle vida ao costume de enviar postais escritas á man.
A exposición inclúe os debuxos feitos con pluma entre 1973 e 1992 por San Cristóbal, segoviano de orixe pero profundamente vinculado a Galicia. Un proxecto que o artista levou a cabo en colaboración con Emilio Paramés, pai da actual depositaria deste magnífico legado gráfico, Pilar Paramés.
As imaxes plasman distintos espazos de Ferrol, como as vilas da Graña ou San Felipe, pero tamén navíos históricos e lugares recoñecibles que nos quedan máis próximos. É o caso, entre outros, do castelo de Moeche e as igrexas de San Xoán e San Xurxo, ou distintos recunchos do Pazo da Marquesa, do claustro conventual e da igrexa de Santa María a Maior do Rosario.
Estampas non maiores ca un folio trazadas con liñas finas en branco e negro que San Cristóbal e Paramés replicaron como postais por medio da técnica litográfica, cun acabado que lembra as primeiras edicións de paisaxes que tanto éxito tiveron a principios do século pasado, ata que a fotografía se impuxo neste tipo de misivas. A recuperación deste fondo supón, por esta mesma razón, un tributo á tradición artesanal da litografía de debuxos feitos á pluma.
As postais foron editadas en tiraxe limitada de 500 caixas, cada unha cun conxunto de 16 imaxes, e foron protagonistas de exposicións na sala Carlos III de Ferrol e en varios concellos da comarca. A itinerancia prosegue agora en San Sadurniño coa mostra dos orixinais, cos que a imprenta Paramés quere achegar esta parte do patrimonio gráfico a máis público. A iniciativa conta tamén co apoio do director de Exponav, Rafael Suárez, quen colaborou na dixitalización dos arquivos, parte deles expostos estes días en San Sadurniño.
Para Pilar Paramés, esta non é só unha homenaxe ao seu pai e ao artista San Cristóbal, senón tamén un xeito de preservar a memoria colectiva da comarca. “Cada debuxo é un anaquiño da nosa historia e unha oportunidade para reconectar co pasado dun xeito persoal e emotivo”, comentaba nunha recente entrevista. Así, dende a Casa do Concello de San Sadurniño, estas obras volven cobrar vida e convidan á veciñanza a redescubrir a súa terra a través da mirada dun artista que a fixo tamén súa.
A mostra dos debuxos de Santos San Cristóbal poderá visitarse ata finais deste mes de xuño nos horarios de apertura das dependencias municipais: de luns a venres, agás festivos, de 08:30 a 14:30h.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.