
O venres foi día de festa na Casa da Cultura de San Sadurniño. E é que as mestras e o alumnado da EIM A Rolada celebraron nun centro cultural ateigado de familiares a súa festa de remate de curso e de despedida dunha nova promoción do alumnado da aula de 2 a 3 anos, que comezará no mes de setembro o segundo ciclo de Educación Infantil no centro escolar ou, como elas e eles mesmos din, no “cole de maiores”. A festa, na que tamén actuou a rapazada das outras aulas, estivo chea de música, risas e tamén de emoción entre as mestras por ter que separarse de crianzas que na súa maioría entraron no centro como bebés.
Uns que marchan e outros que veñen, xa que á volta de dous meses a EIM A Rolada iniciará un novo curso para o que, arestora, hai confirmadas 15 matrículas rexistradas no período ordinario de solicitude, máis outras dúas que neste momento se encontran en fase de tramitación, rexistradas fóra de prazo pero con sitio na escola por haber aínda vacantes dispoñibles.
No período ordinario, a área municipal de Igualdade non tivo que rexeitar ningunha petición, posto que en todas as aulas houbo menos solicitudes que prazas dispoñibles. Das 16 peticións presentadas inicialmente, ao final foron 15 as que formalizaron matrícula: 6 para unidade de 1 a 2 anos e 9 na unidade de 2 a 3. Para a aula inicial de 0 a 1 ano non houbo solicitudes no prazo ordinario.
Malia que neste momento, en principio, só habería 15 nenas e nenos para iniciar o curso en setembro, esta cifra pode variar e seguramente varíe nas próximas semanas incorporando as dúas solicitudes que están tramitándose e tamén as que poidan presentar familias que queden sen praza noutros centros ou aquelas que poidan decidir de agora en diante traer as súas criaturas á Rolada.
Así, unha vez confirmadas as dúas matrículas pendentes, na escola infantil municipal quedarían por cubrir as 7 vacantes na unidade de bebés, outras 6 na aula de 1 a 2 anos e as 9 prazas libres da unidade de 2 a 3. Esas prazas irán asignándose sen máis prelación que a orde de rexistro das solicitudes ata completar a capacidade de cada unidade.
O servizo de conciliación é gratuíto en canto a matrícula e custes de atención (non así os servizos complementarios como é o caso do comedor). Ademais, en cumprimento da orde autonómica de gratuidade, a Xunta subvenciona unha parte do mantemento e dos servizos educativos, mentres que o Concello asume a outra parte para garantir que a atención sexa realmente de balde para as familias.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.