
— O complexo, que se levantará nun terreo de 2.300 metros cadrados, terá capacidade para acoller uns 300 cans e 200 gatos abandonados, extraviados ou vagabundos
— As instalacións darán servizo aos concellos de menos de 5.000 habitantes e teñen como obxectivo reforzar a nivel autonómico o labor desempeñado polas administracións locais e as entidades sen ánimo de lucro
— As empresas interesadas neste contrato, que conta con financiamento europeo a través de fondos Feder 2021-2027, poden presentar as súas ofertas ata o 30 de xuño
A Xunta licitou por preto de 100.000 euros o contrato para a redacción do proxecto básico e de execución para a construción do centro de acollida de animais de compañía abandonados de Galicia que estará localizado no concello coruñés de Curtis.
O fin último dos traballos é deseñar a edificación do inmoble de protección animal de titularidade autonómica cunha capacidade estimada de 300 cans e 200 gatos cunha superficie total construída de 2.300 metros cadrados.
As empresas interesadas neste contrato -cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2021-2027- poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de xuño e o prazo de execución dos traballos será de tres meses desde o día seguinte á súa formalización.
Este complexo para a protección e acollida de animais de compañía abandonados, extraviados ou vagabundos ten como obxectivo reforzar a nivel autonómico o labor desempeñado polas administracións locais e as entidades sen ánimo de lucro. O inmoble dará servizo aos municipios con menos poboación -de menos de 5.000 habitantes- pois son os que teñen máis dificultades para dispor dos medios necesarios para asumir de maneira satisfactoria estas tarefas e cumprir coas obrigas legais establecidas.
O centro contará cunhas instalacións completas con múltiples dependencias como áreas de corentena para cans e gatos, zonas de maternidade, illamento infeccioso, hospitalización, separación de animais agresivos ou mantemento de exemplares ás que se engaden un módulo veterinario con consultas específicas de gatos e cans, sala de hixiene, un quirófano e unha sala de radioloxía. Mentres, a área administrativa incluirá espazos como vestiarios, sala de persoal, almacéns de residuos e material así como de alimentos, lavandería e cuarto de instalacións, entre outros, e na zona de acceso público haberá áreas como vestíbulo, recepción e centro de control, aula de formación, despachos e aseos públicos.
Ademais da redacción do proxecto básico e de execución para a construción deste centro de acollida -cun investimento total inicial estimado en 2,07 millóns de euros- o contrato que sae a licitación tamén inclúe a realización do estudo xeotécnico do terreo. Nesa avaliación recolleranse as características do solo en relación co tipo de edificio previsto e a contorna na que se atopa, unha información necesaria para analizar e calcular a dimensión da cimentación das obras.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.