
Baixo este título, a Deputación Provincial da Coruña trae a Fene na segunda quincena do mes de xuño a exposición “Sinaladas” que pon o foco nos cen anos de historia en que as mulleres deron a batalla para conseguir mellorar a súa vida e a súa xente. “Pelexaron polo pan pero, sobre todo, por ocupar o seu espazo no país e no relato”, afirman desde o organismo provincial. A mostra, fomada por trece estructuras con paneis informativos e fotografías, poderá visitarse desde o martes 17 até o domingo 29 de xuño na praza do alcalde Ramón J. Souto González, a carón da Casa do Concello de Fene. A inauguración, prevista para este martes, ás 12.00 horas, contará coa presenza das deputadas provinciais de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, e da de Atención aos Concellos e Plans, Cristina García Rey, xunto coa alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá.
“Sinaladas” é unha andaina a través de 100 anos de historia, entre finais do século XIX e finais do século XX, período no que as mulleres loitaron para conseguir mellorar a súa calidade de vida e para ocupar un espazo no país e no relato. Deste xeito, abórdanse cuestións como o dereito universal ao voto, os primeiros pasos da muller en política e a chegada do sector feminino á universidade, pero tamén as dificultades sufridas durante a etapa de represión franquista.
A exposición está dividida en trece estruturas, unha de presentación e outras doce de contidos divididos por temáticas. As catro primeiras céntranse na época anterior a xullo de 1936 e nas consecuencias que padeceron as pioneiras na súa loita; mentres que as catro seguintes abordan o período comprendido entre o golpe de Estado e a disolución da guerrilla, e as catro últimas versan sobre o mantemento da represión contra as mulleres máis alá do ano 1936, a posguerra e a morte de Francisco Franco.
En total, a mostra está composta por 39 paneis e 284 apartados nos que se recolle a historia de 540 mulleres, así como por 373 imaxes. Nela recóllense as historias de diferentes persoeiros que marcaron a historia de Galicia, pero tamén de mulleres anónimas que foron silenciadas e sinaladas. Ademais, acompáñase dunhas unidades didácticas para axudar a planificar o proceso de ensinanza e aprendizaxe histórico dos escolares.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.