Monday 16 de June de 2025

O Concello oferta máis de 900 prazas nos cursos de natación de verán en Riazor


O prazo de inscrición abre mañá para o mes de xullo, con 460 prazas dispoñibles para persoas de todas as idades e niveis

O Concello abre mañá, martes 17 de xuño, a inscrición para a oferta de cursos de natación para este verán 2025. En total ofértanse 916 prazas para as actividades da Piscina Municipal de Riazor durante os meses de xullo e setembro, entre as diferentes idades e quendas, avanzando na liña do Goberno de Inés Rey da promoción do deporte e dinamización das escolas deportivas municipais.

Para os cursos do mes de xullo ofértanse 460 prazas divididas en seis franxas en función da idade: de 6-8 anos, 9-11 anos, 12-17 anos, +18 e +60 así como un específico de prenatal. Tamén se dividirá por nivel segundo iniciación ou perfeccionamento e pecharase a inscrición o 30 de xuño. En canto aos do mes de setembro, ofértanse 456 prazas en programas similares e a inscrición está aberta desde o 1 de xullo ate o 29 de agosto.

Dentro deste programa, tamén se ofertan cursos específicos de recuperación funcional para persoas adultas, con 120 prazas cada mes, repartidas en 12 quendas segundo turno de mañá ou de tarde. Para todos os cursos de perfeccionamento, así como para recuperación funcional e natación prenatal, cómpre ser capaz de nadar 25 metros sen tocar fondo nin utilizar medios auxiliares fixos ou móbiles. Para os cursos de +18 ademais, ser capaz de nadar 100 metros empregando dous estilos diferentes.

Para inscribirse é preciso achegarse ás oficinas de rexistro e atención ao público dependentes do Servizo Municipal de Deportes (SMD) situadas no Palacio dos Deportes de Riazor no horario de atención ao público de luns a venres das 08.15 ata ás 13.30 horas. Tamén é posible matricularse en liña a través da plataforma municipal Cronos Web para persoas usuarias.

Para formalizar a inscrición deberase asinar o documento de matrícula coa fotocopia do DNI e no caso dos menores que non teñan DNI, fotocopia do Libro de Familia e DNI do pai, nai ou persoa titora. Poden solicitar máis información sobre horarios e cursos no teléfono 981189800 ou na web www.coruna.gal/deportes.

Deja un comentario