
Seis bandas residentes actuarán o 20 de xuño na IV edición de Directos no Castelo, nunha xornada con obradoiros de ocio saudable para a mocidade
O Concello da Coruña organiza este venres, 20 de xuño, unha nova edición dos Directos no Castelo, o evento que conmemora o 15.º aniversario dos Locais de Ensaio municipais. A celebración terá lugar no Castelo de San Antón, cunha programación que inclúe concertos en directo, actividades creativas e un espazo informativo para a mocidade.
A partir das 21.00 h, o público poderá gozar das actuacións de seis bandas que medraron nos Locais de Ensaio: Apolo18, Experimento Basement, FNXX, Hathereal, Revel Velvet e Roda Door.
Durante tres horas, o Castelo converterase nun escenario único para unha mostra ecléctica de estilos que van do indie-pop ao metal, pasando polo blues, o rock, o funk ou o grunge. A entrada é de balde, logo da descarga previa do convite a través da web municipal www.coruna.gal/mocidade. As portas abrirán ás 20.45 h e a capacidade é limitada.
Como previa aos concertos, entre as 18.00 e as 20.00 h, desenvolveranse diversas actividades organizadas polo programa Nocturnia, a iniciativa municipal de lecer nocturno saudable para a mocidade de 12 a 30 anos. As persoas asistentes poderán participar en obradoiros de estampación natural, artesanía e música. Así mesmo, o acceso ao castelo contará cun espazo dinamizado pola equipa de Información Xuvenil, con retos participativos e información sobre recursos municipais para a mocidade.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, salientou que “os Locais de Ensaio son unha ferramenta clave para apoiar o talento musical emerxente e favorecer que a mocidade poida desenvolverse artisticamente nun contorno accesible e colaborativo, unha proposta que forma parte das políticas Goberno de Inés Rey en materia de xuventude”. Canosa destacou tamén “o valor simbólico de celebrar este aniversario no Castelo de San Antón, un espazo patrimonial que se abre á creatividade xuvenil e á cultura feita desde abaixo”.
O acceso aos concertos será gratuíto, mais é preciso descargar a entrada desde este luns 16 de xuño, ás 12.00 h, mentres que as inscricións para participar nas actividades estarán abertas desde o 17 de xuño, ás 10.00 h, ata o 20 de xuño, ás 12.00 h, tamén a través da web municipal.
Coa celebración desta cuarta edición de Directos no Castelo, o Concello da Coruña reafirma o seu compromiso co apoio á creación musical e ao lecer alternativo e saudable da mocidade, e consolida un proxecto que xa forma parte do calendario cultural da cidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.