Monday 16 de June de 2025

O Concello apoia a actividade dos clubs deportivos cunha liña de axudas de 31.000 euros


· O goberno local promoveu o incremento destas subvencións con respecto ao exercicio anterior, subíndoas un 24%.

· O prazo de solicitude estará dispoñible entre mañá, martes 17 de xuño, e o luns, día 30.

A Pobra continúa apoiando aos clubs e entidades deportivas do municipio. O Concello acaba de publicar unha nova convocatoria de subvencións para financiar as actividades realizadas no 2024. A edición chega cunha importante novidade: a suba destas axudas, que chegan ata os 31.000 euros. Con respecto ao exercicio anterior, a contía incrementouse un 24%. O prazo de solicitude estará aberto desde mañá, martes 17 de xuño, e ata o luns, día 30.

O concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, sinala que o obxectivo “é apoiar o labor que realizan estas entidades, cuxa oferta deportiva se complementa coa do Concello, brindándolle á veciñanza unha maior variedade”.

Poderán solicitalas os clubs e asociacións deportivas do concello sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, que desenvolvan a súa oferta no municipio e que estean ao corrente coas súas obrigas e non teñan outra subvención municipal sen xustificar.

As axudas servirán para cubrir gastos derivados da realización de actividades ao longo do ano pasado. Deste xeito, non se poderán incluír outros por adquisición de bens nin gastos financeiros, notariais, rexistrais, periciais, multas, sancións e recargas administrativas ou penais, os tributos directos a cargo dos entes beneficiarios, nin en concepto de axudas ou indemnizacións por desprazamento, manutención ou aloxamento satisfeitas pola entidade beneficiaria.

As entidades poderán presentar as súas solicitudes, exclusivamente, a través da sede electrónica da Pobra do Caramiñal. O prazo comezará a correr a partir de mañá, martes 17 de xuño.

Deja un comentario