Susana López Abella, acompañada da vicerreitora de Servizos Universitarios, Mª do Carme Silva Domínguez, asistiu esta mañá á presentación da Exposición das galardoadas co Premio María Josefa Wonenburger no Campus de Lugo
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou que dende o Goberno galego considerase prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribúe a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada da vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Mª do Carme Silva Domínguez, asistiu esta mañá asistirá no Edificio Biblioteca Intercentros á presentación da Exposición das galardoadas co Premio María Josefa Wonenburger, onde lembrou que a Xunta creou un premio, o Premio María Josefa Wonenburger, para distinguir a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego dende a Secretaría Xeral da Igualdade.
A titular de Igualdade destacou que a visibilización da actividade desta muller e do seu triunfo é unha combinación gañadora, por iso debese seguir recoñecendo ás mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras.
A igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas, o resultado é aquel que cada unha se constrúe co seu esforzo, co seu traballo e co seu talento. E só se favorecemos con igual énfase a esixencia, o esforzo e a excelencia, nun marco de Igualdade de oportunidades, teremos individualmente, e a sociedade no seu conxunto, máis opcións de futuro, rematou a secretaria xeral.
Así, a exposición estará no Campus de Lugo ata o vindeiro 7 de abril; e posteriormente estará no campus de Ferrol, do 11 ao 25 de abril; no campus de Ourense, do 27 abril ao 10 de maio; no campus de Vigo, do 12 ao 26 de maio; no campus de Pontevedra, do 30 de maio ao 13 de xuño; e finalmente estará no campus de Santiago do 15 ao 30 de xuño.