Monday 16 de June de 2025

Venres 20 de xuño, último día para solicitar permisos para realizar fogueiras en San Xoán


O vindeiro venres 20 de xuño é o último día para solicitar o permiso municipal para a realización de fogueiras de San Xoán nas praias e espazos públicos municipais e fincas ou espazos privados.

 

 

As únicas praias permitidas para facer fogueiras no Concello de Oleiros son Santa Cristina, Bastiagueiro, Santa Cruz e Mera. No resto de praias e calas non estará permitido facer fogueiras para facilitar o servizo de limpeza. En calquera caso, nas praias, as fogueiras non se poderán instalar antes das 20:00 horas e rematarán, todo máis tardar, ás 4:00 horas.

O Concello porá a disposición da veciñanza nos accesos ás praias a madeira precisa para a realización das fogueiras. Non estará permitido acceder ás praias con materiais non respectuosos co medioambiente (plásticos, madeiras non naturais, gomas, mobles, cadeiras, sofás ou calquera outro). Non se poderá acceder aos areais con envases de vidro.

 

Ao finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar, as persoas responsables encargaranse de que a fogueira quede completamente apagada. Será obrigatorio limpar o espazo da fogueira ao rematar a actividade, deixando o espazo na súa situación previa ao inicio da fogueira, depositando o lixo nos contedores correspondentes. O solicitante e os participantes serán responsables solidariamente da limpeza e reparación dos danos que se causen.

No caso de fincas e espazos privados será necesario tamén solicitar permiso para a realización das fogueiras.

 

Máis información e normativa na web municipal e na Área de Seguridade Cidadá do Concello de Oleiros.

 

Enlace solicitude San Xoán: https://sede.oleiros.org/sta/CarpetaPublic/doEvent?APP_CODE=STA&PAGE_CODE=CATALOGO&DETALLE=6269007487610800305301

Deja un comentario